Volver ao contido

Imposto sobre actos xurídicos documentados. Documentos mercantís

Dentro desta modalidade distínguense tres modelos:

  • Modelo 610: Este modelo utilizarase para realizar o pagamento en metálico do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados (modalidade actos xurídicos documentados), que grava os recibos, xustificantes de pagamento, cheques e outros documentos mercantís, en substitución do emprego de efectos timbrados.
  • Modelo 615: Este modelo utilizarase para realizar o pagamento en metálico do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados (modalidade actos xurídicos documentados) que grava a emisión de documentos que leven aparellada acción cambiaria ou sexan endosables á orde.
  • Modelo 630: Este modelo utilizarase para as autoliquidacións que se practiquen polo concepto de actos xurídicos documentados do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados polo exceso do importe das letras de cambio que supere a cantidade maior da escala aplicable (192.323,87 euros), así como polas letras de cambio expedidas no estranxeiro que produzan calquera efecto xurídico ou económico en España.

Modelo 610: As entidades financeiras (EEFF) que sexan responsables do pago do imposto conforme ao artigo 35 do TRITPAXD están autorizadas a pagar en metálico o imposto AXD respecto a RECIBOS, XUSTIFICANTES DE PAGAMENTO, CHEQUES e OUTROS DOCUMENTOS MERCANTÍS en virtude da orde do 12 de novembro de 2001, do Ministerio de Facenda (BOE núm. 275, do 16 de novembro de 2001) de pago en metálico do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados que grava os recibos, xustificantes de pagamento, cheques e outros documentos mercantís admitidos a negociación por entidades colaboradoras, en substitución do emprego de efectos timbrados.

As EEFF que estiveren a facer uso da devandita autorización conforme ao disposto naquela orde, deberán comunicarllo así á Atriga, de forma electrónica, mediante escrito dirixido á Área de Xestión Tributaria, indicando a data desde a que fan uso da autorización.

Aquelas EEFF que non estivesen a facer uso da devandita autorización e pretendan facelo, deberán comunicar á Atriga, de forma electrónica, a data desde a que comezarán a facer uso da devandita autorización, data que deberá coincidir co inicio dun trimestre natural, sendo aplicable a autorización aos documentos mercantís admitidos a negociación polas devanditas entidades a partir da citada data.

Para iso poderán utilizar este modelo.

 

Modelo 615: As entidades e persoas emisoras de documentos aos que resulte de aplicación o disposto no artigo 17.4 da Lei 7/1996, do 15 de xaneiro, de ordenación do comercio retallista, están autorizadas a pagar en metálico o imposto AXD respecto a devanditos documentos en virtude da Orde do 12 de novembro de 2001, do Ministerio de Facenda (BOE núm. 275, do 16 de novembro de 2001) de pago en metálico do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados que grava a emisión de documentos que realicen función de xiro ou suplan ás Letras de Cambio, en substitución do emprego de efectos timbrados.

As entidades e persoas que estiveren a facer uso da devandita autorización conforme ao disposto naquela orde, deberán comunicarllo así á Atriga, de forma electrónica, mediante escrito dirixido á Área de Xestión Tributaria, indicando a data desde a que fan uso da autorización.

As entidades e persoas que non estivesen a facer uso da devandita autorización e pretendan facelo, deberán comunicar á Atriga, de forma electrónica, a data desde a que comezarán a facer uso da devandita autorización, data que deberá coincidir co inicio dun trimestre natural, sendo aplicable a autorización aos documentos mercantís admitidos a negociación polas devanditas entidades a partir da citada data.

Para iso poderán utilizar este modelo.

 

Modelo 630: Será suxeito pasivo o librador, agás que a letra de cambio fose emitida no estranxeiro, neste caso o será o primeiro posuidor en España.

Nos vinte primeiros días naturais de cada mes natural os suxeitos pasivos deberán presentar e ingresar o imposto correspondente a:

a) Todos os documentos admitidos a negociación ou cobranza durante o mes natural inmediato anterior, mediante o modelo 610.

b) Todos os documentos emitidos durante o mes natural inmediato anterior, mediante o modelo 615.

O prazo para a presentación e ingreso do modelo 630, será dun mes contado dende a data de devindicación do imposto (data de emisión da letra de cambio, ou da primeira tenencia en España, si se emitiu no estranxeiro).

A presentación electrónica das autoliquidacións e, se é o caso, da documentación complementaria ten carácter obrigatorio para os obrigados tributarios seguintes:

a) As persoas xurídicas.

b) As entidades sen personalidade xurídica as que se refire o artigo 35.4 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria.

c) As persoas que representen a un contribuínte que estea obrigado á presentación e pagamento electrónico.

d) As persoas ou entidades que, de acordo co que prevé o artigo 92 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, teñan a condición de colaboradores sociais na aplicación dos tributos e cumpran os requisitos e as condicións que estableza a normativa vixente.

Os modelos 610,615 e 630 presentaranse en todo caso de forma electrónica a través da OVTributaria

A presentación telemática das autoliquidacións do imposto sobre actos xurídicos documentados (documentos mercantís) realizarase pola OVTributaria Transmisións e actos xurídicos documentados: modelo 610, 615 e 630.

Para presentar ditos modelos só é preciso contar con certificado dixital ou DNI electrónico.

Nos supostos en que da autoliquidación practicada resulte un importe a ingresar, con carácter previo á súa presentación os obrigados tributarios realizarán o pagamento da débeda tributaria.

O pagamento poderá realizarse ordenando a súa domiciliación, de acordo coa normativa vixente na materia, ou de calquera das formas que se indican a continuación:

a) De forma presencial en calquera das entidades colaboradoras autorizadas para pagamentos presenciais con NRC, mediante o documento de ingreso que para estes efectos xerará a aplicación informática e imprimirá o usuario.

A aplicación informática xerará dúas copias do documento de ingreso debidamente cuberto. Co devandito documento acudirase á entidade financeira colaboradora para a realización do pagamento, a cal quedará co exemplar para a entidade colaboradora e devolverá ao obrigado tributario o exemplar para o interesado co selo da entidade, data do ingreso, número e importe, así como co NRC. O devandito documento servirá de xustificante de pagamento do número de autoliquidación impreso neste.

Para completar a presentación da autoliquidación, na aplicación informática, Operacións realizadas, deberá  incluír  o número NRC identificativo do ingreso que consta no documento facilitado pola entidade colaboradora. 

b) De forma electrónica, o usuario accederá ás aplicacións específicas a través da OVT da Atriga e efectuará o pagamento da correspondente autoliquidación a través das entidades de crédito colaboradoras para tal efecto ou mediante tarxeta de crédito ou débito a través de sistemas de terminal de punto de venda (TPV) virtual a través da entidade de crédito adxudicataria do contrato en virtude do cal se preste o devandito servizo. A entidade efectuará as comprobacións oportunas e aceptará ou rexeitará a operación. No caso de ser aceptada efectuará o aboamento na correspondente conta restrinxida de recadación de tributos e xerará o correspondente NRC para completar a presentación electrónica da autoliquidación.

Unha vez realizado o pagamento, a aplicación informática xerará o recibo que o contribuínte deberá conservar, en que se identificará o número da conta que realiza o pagamento, data do ingreso, importe, NIF e nome do obrigado ao pagamento, así como o NRC. O devandito documento servirá de xustificante de pagamento do número de autoliquidación impreso neste.

Tamén poderá utilizar a domiciliación bancaria como medio de pagamento das débedas resultantes, sempre que a presentación da autoliquidación se leve a cabo por medios telemáticos. 

As contas designadas polos obrigados ao pagamento para o cargo do importe das débedas domiciliadas deberán cumprir as seguintes condicións:

a) Ser de titularidade do obrigado ao pagamento.
b) Tratarse dunha conta á vista ou dunha conta de aforro que admita a domiciliación de pagamentos.
c) Estar abertas nunha entidade de crédito autorizada para actuar como colaboradora na xestión recadatoria da Atriga

Carecerán de efectos as ordes de domiciliación en contas que non reúnan os requisitos anteriores, polo que o obrigado deberá responder ante a Atriga da posible falta de pagamento ou do pagamento fóra de prazo do importe domiciliado. 

O pagamento das débedas domiciliadas considerarase efectuado na data na que se produza o cargo na conta do obrigado, carecendo de efectos fronte á Atriga a data na que a entidade colaboradora valore contablemente a operación de cargo.

Nota: Esta información ten carácter divulgativo e non recolle o contido íntegro do Real Decreto Lexislativo 1/1993, de 24 de setembro, polo que se aproba o Texto refundido da Lei do Imposto sobre Transmisións patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados (B.O.E. 20/10/1993), e no Real Decreto 828/1995, de 29 de maio, polo que se aproba o Regulamento do Imposto sobre Transmisións patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados (B.O.E. 22/6/1995) e da ORDE do 9 de decembro de 2020 pola que se aproban os diferentes modelos de autoliquidación do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados na Comunidade Autónoma de Galicia e se regula o procedemento e as condicións para o seu pagamento e presentación, así como determinadas obrigacións formais e de subministración de información tributaria. A estes efectos acompáñase o texto íntegro das normas antes citadas para a súa consulta.