Volver ao contido

Orde do 12 de decembro de 1994 pola que se fixa o procedemento de ingreso en período voluntario da taxa por servizos profesionais, 31.07.04, expedición de certificados zoosanitarios, incluídos os relacionados con movementos de animais vivos e produtores de orixe animal. (DOG nº 248, do 27 de decembro de 1994)

Observacións

A reorganización dos servizos veterinarios oficiais no ámbito da nosa Administración autonómica, unida ás dificultades técnicas do cumprimento do disposto en materia de ingresos para a maioría das taxas na Orde do 30 de xuño de 1992, desta consellería, motivadas polos lugares de celebración e horarios das actividades que propician os feitos impoñibles do citado epígrafe 31.07.04, fan que, como excepción ó principio xeral de ingreso da taxa previo á prestación do servizo, se recolla este suposto especial no sentido que se disporá no seguinte articulado.

Por todo isto,

Dispoño:

Artigo 1.-

No suposto previsto no artigo 23, apartado 07.04 do Decreto lexislativo 1/1992, do 11 de abril, polo que se aproba o texto articulado das bases contidas no capítulo 3º do título II da Lei 13/1991, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, na súa redacción dada pola Lei de presupostos xerais da Comunidade para 1994 (clave 31.07.04 "Expedición de certificados zoosanitarios incluídos os relacionados con movemento de animais vivos e produtos de orixe animal"), a autoliquidación correspondente presentarase e ingresarase no prazo dos cinco días hábiles seguintes ó da data de expedición do certificado.

Artigo 2.-

O impreso de autoliquidación será o aprobado pola Orde do 30 de xuño de 1992 desta Consellería de Economía e Facenda e será facilitado polos propios servizos administrativos. Este impreso deberá ser cuberto engadindo no espazo titulado "liquidación" o dato do número do certificado zoosanitario expedido polos servizos veterinarios. Cada certificado dará lugar a un ingreso distinto e independente, sen que se poida utilizar un só impreso para máis dun certificado.

Artigo 3.-

A entidade bancaria, no memento do ingreso recibirá, ademais do exemplar a ela destinado, o exemplar da Administración, que remitirá xunto coa documentación que se establece na Orde do 29 de xuño de 1994.

Disposición derradeira.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 1994.
José A. Orza Fernández
Conselleiro de Economía e Facenda

Data publicación

26/10/2008

Tipo de disposición

Orde

Tipo de Contido

Axuda

Estado

Vixente

Orixe

Autonómica