Novo sistema de pago por transferencia bancaria
09.08.2024
A cidadanía xa pode pagar os seus impostos, taxas ou ingresos xestionados pola Axencia Tributaria de Galicia (Atriga), mediante transferencia bancaria cando se opte por realizar o ingreso de forma non presencial e non se dispoña de conta da súa titularidade en ningunha entidade colaboradora na recadación coa Atriga.
Con esta forma de pago, aberta tanto a particulares como a empresas, amplíanse as canles xa dispoñibles para facilitar o cumprimento das obrigacións tributarias á cidadanía, evitar desprazamentos e permitir o aforro de tempo nos trámites.
Esta nova opción de pago pódese realizar seguindo as instrucións do módulo “Pago por transferencia bancaria” da Oficina Virtual Tributaria da Atriga.
Para efectuar o pago a través desta modalidade, o obrigado ao pago deberá dispoñer dalgún documento de pago aprobado por esta administración e realizar o pago en euros pola totalidade do importe do citado documento desde unha conta aberta nunha entidade que non sexa colaboradora na recadación con esta administración.