Novidades
Novo servizo de cita previa para confección do modelo 620 por persoal funcionario
19.05.2023
A partir do próximo luns, os particulares que compren un medio de transporte de segunda man e que teñan a obriga de presentar o imposto sobre transmisións patrimoniais onerosas, compravenda de determinados medios de transporte usado entre particulares, teñen a opción de poder solicitar cita previa para que o persoal funcionario da Atriga lle confeccione a autoliquidación (modelo 620) no horario de atención ao público (de 9 a 14 horas).
O particular, no momento de solicitar a cita previa, poderá escoller se quere ser atendido de forma presencial nalgunha das cinco delegacións da Atriga onde se vai prestar o servizo, ou, de forma telefónica.
No caso de escoller unha cita para ser atendido de forma telefónica, é imprescindible que se dispoña de medios informáticos que lle permitan achegar a documentación necesaria para que se lle poida confeccionar o modelo o día escollido, así como descargalo unha vez confeccionado, debendo posteriormente presentalo nalgunha das oficinas da Atriga.
No caso de escoller unha cita de atención presencial, o particular deberá acudir coa documentación necesaria, salvo que xa a aportase no momento no que solicitou a cita. Unha vez confeccionado o modelo, poderase pagar na propia delegación, se conta con tarxeta de débito ou crédito e o importe é inferior a 3.000 €, e presentar, sen necesidade de pedir nova cita.
Así mesmo, os particulares que non teñan citan previa poderán ser atendidos de forma presencial sempre e cando existan postos libres para ese servizo.
O servizo prestarase só a persoas físicas (particulares) que sexan os suxeitos pasivos do imposto (compradores). En ningún caso se prestará este servizo a profesionais ou colaboradores sociais.