Volver ao contido

Notas de prensa Notas de prensa

Atrás

A Xunta universalizará a posibilidade de pagar on line todas as xestións coa ATRIGA cun aforro anual de 42 millóns para os contribuíntes

A Xunta universalizará a posibilidade de pagar on line todas as xestións coa ATRIGA cun aforro anual de 42 millóns para os contribuíntes

  • Implantarase un método de pago rápido, sinxelo e seguro que aforre tempo aos cidadáns, que xa que non terán que desprazarse ás oficinas bancarias
  • Esta medida aforrará de media 75 euros ao contribuínte, ao evitarlle custos derivados de xestión, de desprazamento e de tempo de falta no seu traballo
  • Garantiralle autenticidade, confidencialidade e integridade con conexións seguras
  • A ATRIGA tamén implantará a obriga de que as persoas xurídicas e os colaboradores sociais presenten de maneira telemática os modelos de ITP-AXD
  • Os cidadáns que o desexen poderán seguir presentado estes modelos de forma presencial e a Administración dixitalizaralle a documentación e autoliquidacións

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2019.- A Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA) universalizará a posibilidade de que calquera cidadán poida pagar on line, a través da Oficina Virtual Tributaria e cunha tarxeta de crédito ou débito, todos os ingresos xestionados pola mesma, polo que non terán que desprazarse ás oficinas bancarias, co conseguinte aforro de tempo e diñeiro. A estimación de aforro anual é de algo máis de 42 millóns de euros, grazas a que máis de 567.000 operacións pasarán a tramitarse con tarxeta.

Así se recollerá na próxima modificación do Decreto 104/2006, do 22 de xuño, polo que se regula a colaboración das entidades de crédito na recadación dos ingresos xestionados pola ATRIGA para implantar este sistema de pago por tarxeta mediante TPV.

Esta medida enmárcase nun dos obxectivos prioritarios do Plan Estratéxico 2015-2020, de fomentar unha Administración eficiente, moderna e próxima ao cidadán, pois supón unha aposta polo impulso das novas tecnoloxías como un instrumento idóneo para conxugar os principios de eficacia da Administración tributaria e facilitar ao máximo o cumprimento das obrigas por parte dos cidadáns.

Trátase dun método rápido, sinxelo e seguro, e cun evidente aforro de custos, en concreto 75 euros de media por cada xestión tributaria, no caso de empregar un solicitante a modalidade telemática fronte á presencial, segundo a ‘Guía para a análise do impacto normativo', do Ministerio de Hacienda y Administraciones Públicas. Neste aforro compútanse posibles custos derivados de xestión, desprazamento e de tempo de ausencia na súa actividade laboral.

Ademais, este instrumento presenta como vantaxes a autenticidade, confidencialidade e integridade mediante o establecemento de conexións seguras cos servidores web das entidades financeiras para realizar os pagos, ademais da plena dispoñibilidade para o seu acceso para todos os contribuíntes.

Presentación de modelos de ITP-AXD
Por outra banda, en liña co previsto na Lei 39/2015, unha nova orde establecerá a presentación telemática obrigatoria dos modelos do Imposto de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados (ITP-AXD) para as persoas xurídicas, que tamén se ampliará para os colabores sociais, é dicir, aqueles que teñen subscrito un convenio de colaboración coa ATRIGA para a aplicación das novas tecnoloxías da información nos procedementos de xestión tributaria.

Non obstante, os cidadáns que así o desexen poderán facer este trámite presencialmente e, como novidade, a Administración tributaria galega dixitalizaralle toda a documentación que achegue xunto coas autoliquidacións.