Volver ao contido

Notas de prensa Notas de prensa

Atrás

A Xunta colabora con 36 funcionarios na campaña de atención presencial para a elaboración da renda 2022 que comeza hoxe

A Xunta colabora con 36 funcionarios na campaña de atención presencial para a elaboración da renda 2022 que comeza hoxe

  • Os contribuíntes galegos xa se están a beneficiar das medidas de alivio fiscal postas en marcha en Galicia para loitar contra a suba de prezos 

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2023.- A Xunta colabora con 36 empregados públicos na campaña de atención presencial nas oficinas para a elaboración da renda do ano 2022 que se inicia hoxe. 

A Administración autonómica xa viña colaborando coa AEAT desde o pasado cinco de maio cando deu comezo o ‘Plan Chamámoslle' para a asistencia telefónica dos contribuíntes na elaboración da declaración do IRPF e a súa presentación. Ambas as dúas colaboracións da Atriga  (telefónica e presencial) rematan o 30 de xuño.

Aos 36 traballadores que achega a Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA) hai que sumarlle outros seis funcionarios da Administración galega que realizarán labores de coordinación. Das persoas contratadas para reforzar o servizo de atención aos contribuíntes na Campaña da Renda 2022, dúas corresponden á cidade de Vigo; dúas á de Pontevedra; seis á de Coruña, Lugo, Ferrol e Santiago de Compostela, respectivamente; e oito á de Ourense.

Novidades
Os contribuíntes galegos xa se benefician desde o comezo da campaña da Renda, o pasado mes de abril, das medidas de alivio fiscal postas en marcha en Galicia para loitar contra a suba de prezos. 

Neste sentido, entre as novidades que se están a aplicar xa nesta declaración están a modificación da escala autonómica aplicable á base liquidable xeral do imposto sobre a renda das persoas físicas, reducindo os tramos de sete a cinco; a nova rebaixa do tipo aplicable ao tramo autonómico máis baixo do IRPF, que pasa do 9,4 ao 9%; a deflactación ao 4,3% da tarifa aplicable aos tres primeiros tramos da escala autonómica; e o incremento do mínimo persoal e familiar na mesma porcentaxe do 4,3%.

Tamén para o ano 2022, co fin de favorecer e propiciar o acollemento familiar, se modifica a dedución na cota do IRPF por acollemento, e suprímese o requisito da relación  de parentesco entre o contribuínte e o menor en réxime de acollemento familiar.

Ademais, continúan vixentes as deducións aplicables na campaña do IRPF correspondente ao ano 2021 como a dedución por adquisición e rehabilitación de vivendas nos proxectos de aldeas modelo ou a  modificación da dedución por investimento en empresas que desenvolvan actividades agrarias.

Así mesmo tamén seguen vixentes medidas de anos anteriores entre as que destacan as deducións por nacemento ou adopción de fillos, por familia numerosa, por acollemento de menores, por contribuíntes de 65 ou máis anos cunha discapacidade que precisen axudas de terceiras persoas, por gastos dirixidos ao uso de novas tecnoloxías, polo alugueiro da vivenda habitual para contribuíntes de idade menor ou igual a 35 anos, ou por rehabilitación de bens inmobles situados en centros históricos.