Volver ao contido

Ruralizate

A Xunta de Galicia aprobou no ano  2016 o programa de impostos cero no rural.
No ano 2017 decidiu complementar este programa con novas medidas para a adquisición de vivenda no medio rural para determinados colectivos.

En que consiste esta rebaixa?

A medida ten como obxectivo favorecer a mobilidade de terras, propiciando a súa transmisión ao sector agrario, e facilitar que as explotacións accedan ao solo agrario con menos custe.

 

Cales son os beneficios que se inclúen o programa?

Dedución do 100% na cota nas transmisións inter vivos e agrupacións de solo rústico e nas transmisións de explotacións agrarias de carácter prioritario.

 

Quen son os beneficiarios nas transmisións inter vivos e agrupacións de solo rústico?

Calquera contribuínte que adquira ou agrupe en Galicia solo rústico sen construción.

 

Que é solo rústico aos efectos destes beneficios?

O que está definido no artigo 15 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia. Non se aplican estas deducións á parte do solo rústico que conteña unha construción.

 

Quen son os beneficiarios nas transmisións de explotacións agrarias de carácter prioritario?

Os titulares de explotacións agrarias de carácter prioritario, os titulares de explotacións agrarias que coa operación adquiran tal condición e os agricultores mozos ou asalariados agrarios que instalen por primeira vez unha instalación agraria de carácter prioritario.

En que consiste esta rebaixa?

Dende o 10 de febreiro de 2017 poderán beneficiarse dunha dedución na cota do 100% determinados colectivos que adquiran a súa vivenda no eido rural.

 

A que colectivos beneficia esta rebaixa fiscal?

Ás persoas con discapacidade igual ou superior ao 65%, ás familias numerosas e aos mozos menores de 36 anos beneficiarios dos tipos bonificados con límites en atención ao prezo de adquisición da vivenda e aos niveis de patrimonio dos contribuíntes.

 

Que é o eido rural?

Esta rebaixa fiscal aplicarase en todas as parroquias galegas cualificadas como Zonas Pouco Poboadas, é dicir, aquelas nas que é máis necesario recuperar poboación co obxectivo de dinamizar as zonas menos habitadas.

Un total de 3.462 parroquias poderán beneficiarse da rebaixa fiscal, que representan preto do 94% da superficie da Comunidade.

 

Por que a Xunta fai esta rebaixa?

O obxectivo é fomentar a adquisición de vivenda naquelas zonas do territorio galego que se atopen despoboadas, coa finalidade de promover o asentamento con carácter permanente, cos conseguintes beneficios que isto supón para o contorno.

 

Que efecto vai ter nestes colectivos?

A Xunta vai eliminar os impostos de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados para estes colectivos no 91,3% das parroquias de Galicia, que representan preto do 94% da superficie da Comunidade.