Volver ao contido

Notas de prensa Notas de prensa

Atrás

Os fogares galegos aforraron preto de 192 millóns de euros en 2022 polas baixadas fiscais da Xunta de Galicia nos impostos de sucesións e transmisións patrimoniais

Os fogares galegos aforraron preto de 192 millóns de euros en 2022 polas baixadas fiscais da Xunta de Galicia nos impostos de sucesións e transmisións patrimoniais

  • A Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) publica hoxe o seu informe xeral de actividade correspondente ao ano 2021
  • A Atriga atendeu o ano pasado a máis de 280.000 contribuíntes, tanto de maneira presencial como por vía telefónica
  • O 97% dos galegos e das galegas aplicaron correctamente os beneficios fiscais da Atriga

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2022.- Os fogares galegos aforraron o ano pasado 191,97 millóns de euros grazas ás baixadas fiscais aprobadas pola Xunta de Galicia no Imposto sobre Sucesións e Doazóns (ISD) e no Imposto sobre Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados (ITP-AXD).

Estes preto de 192 millóns -56 máis que en 2020- son recursos que quedaron en mans das familias galegas co obxectivo de reactivar o consumo interno e a actividade económica, evitar o despoboamento nas zonas pouco poboadas, recuperar as terras agrarias e manter íntegro o patrimonio dos fogares en caso de perda dun familiar directo.

Atención aos contribuíntes

A Atriga atendeu o ano pasado a un total de 281.490 contribuíntes. Do total, 154.907 foron atendidos de maneira presencial nos 47 puntos de información que a Axencia ten distribuídos por toda Galicia, e aos 126.583 restantes prestóuselle asistencia pola vía telefónica.

Neste marco, desde o mes de maio de 2021 os servizos que se prestaban mediante o sistema de cita previa completáronse coa posibilidade de poder solicitar unha cita para obter de maneira telefónica información tributaria xeral ou para a asistencia na confección on line dos modelos. Con este sistema, o cidadán pode escoller o día e o tramo horario no que quere ser chamado, o que garante que a súa solicitude será atendida en tempo en forma. Este novo servizo, permitiu atender durante o ano  a máis de 4.900  persoas.

A partir dese mesmo mes, tamén se unificou a atención telefónica nun número único de Información ao contribuínte co fin de mellorar e facilitar o acceso dos cidadáns á información tributaria. Desde a súa creación e ata o 31 de decembro do ano pasado atendéronse un total de 68.939 chamadas.

Ademais, o ano pasado a Atriga universalizou a posibilidade de que calquera cidadán puidese aboar on line, -a través da Oficina Virtual Tributaria e cunha tarxeta de crédito ou débito- todos os ingresos xestionados por este organismo, para evitar os desprazamentos ás oficinas bancarias. Dende a súa implantación ata o pasado 30 de xuño efectuáronse  257.294 operacións.

Autoliquidacións correctas e aprazamentos

O informe de actividade ratifica que a Atriga efectuou 481.146 comprobacións de autoliquidacións de impostos. Unha vez revisadas estas autoliquidacións, no caso de detectar que non é correcta, a Atriga practica unha liquidación para que o contribuínte tribute conforme á legalidade. O número de liquidacións practicadas a raíz dunha comprobación foi de 29.259.

O informe de actividade ratifica ademais, que no 2021 o 94% das autoliquidacións revisadas pola Administración galega foron correctas e non precisaron modificacións, e só no 6% dos casos a Atriga modificou a autoliquidación presentada. Este indicador confirma que a inmensa maioría dos contribuíntes en Galicia pagan correctamente os seus impostos.

Do total de liquidacións practicadas pola Atriga, 16.066 foron no Imposto de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados, 6.864 no Imposto de Sucesións e Doazóns, e 5.807 no ITP na transmisión de vehículos. Foron correctas o  95% das autoliquidacións do Imposto de Sucesións e Doazóns, o 90% das do Imposto de Transmisións Patrimoniais, e o 95% das autoliquidacións de vehículos.

Ademais, o 97% dos galegos e das galegas aplicaron correctamente os beneficios fiscais e a Atriga deu a súa conformidade a sete de cada 10 das máis de 664.000 valoracións de bens realizadas o ano pasado. A Axencia Tributaria de Galicia tamén concedeu o ano pasado 2.730 aprazamentos de impostos por importe de 17,6 millóns de euros.