Volver ao contido

Notas de prensa Notas de prensa

Atrás

A Axencia Tributaria de Galicia reforzará os canais de información e asistencia aos contribuíntes e as formas de pago

A Axencia Tributaria de Galicia reforzará os canais de información e asistencia aos contribuíntes e as formas de pago

  • A ATRIGA vén de publicar as liñas xerais do Plan de control tributario do ano 2021
  • Implantarase de xeito presencial o servizo de pago on line con tarxeta nas cinco delegacións territoriais da ATRIGA
  • Ademais, inclúese a posibilidade de realizar o pago mediante cargo en conta e domiciliación bancaria nas presentacións telemáticas de taxas e prezos
  • O ente tributario galego continuará potenciando o cumprimento voluntario das obrigas tributarias e a colaboración co resto de Administracións e colectivos profesionais

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2021.- A Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA) reforzará os canais de información e asistencia aos contribuíntes e mellorará as formas de pago a disposición dos cidadáns. A ATRIGA publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), as liñas xerais do Plan de control tributario do exercicio 2021, que reforza as liñas de actuación desenvolvidas por este organismo desde a súa posta en marcha en 2013.

O Plan de control tributario da Axencia Tributaria de Galicia para o ano 2021 está composto polas directrices xerais de actuación e polos plans de xestión tributaria, inspección tributaria e recadación que, conforme ao disposto no artigo 116 da Lei xeral tributaria, teñen carácter reservado. En cada un destes plans fíxanse as liñas de actuación que hai que executar e os obxectivos que alcanzar.

Como novidade no eido do control, o plan deste ano inclúe novos apartados no ámbito de información e asistencia. Neste marco, a ATRIGA vai redeseñar o seu portal web para facelo máis sinxelo e intuitivo para os cidadáns e mellorar así, a súa operatividade. Ademais, tamén iniciará os trámites para crear un centro de atención virtual que se dedicará exclusivamente á atención e asistencia dos contribuíntes por medios electrónicos ou telefónicos e que se sumará ás oficinas tradicionais de atención presencial.

Por outra banda, a ATRIGA seguirá potenciando a administración electrónica, e continuará avanzando na universalización do pago online con tarxeta, a coñecida como TPV virtual; e no pago mediante domiciliación bancaria.

A Axencia Tributaria de Galicia universalizou o ano pasado a posibilidade de que calquera cidadán puidese aboar on line, a través da Oficina Virtual Tributaria e cunha tarxeta de crédito ou débito, todos os ingresos xestionados pola mesma, para non ter que desprazarse ás oficinas bancarias. Agora, este sistema, tamén se implantará de xeito presencial nas cinco delegacións territoriais da ATRIGA.

Este instrumento presenta como vantaxes a autenticidade, confidencialidade e integridade mediante o establecemento de conexións seguras cos servidores web das entidades financeiras para realizar os pagos, ademais da plena dispoñibilidade para o seu acceso para todos os contribuíntes.

Ademais, estenderase a posibilidade de realizar o pago mediante cargo en conta e domiciliación bancaria nas presentacións telemáticas de taxas e prezos. Trátase en definitiva, de facilitar aos contribuíntes o cumprimento das súas obrigas e evitar os desprazamentos ás entidades bancarias co conseguinte aforro de tempo e diñeiro.

O ente tributario galego continuará un ano máis, potenciando o cumprimento voluntario das obrigas tributarias, e incidindo no intercambio de información con outras administracións tributarias e outros colectivos profesionais.