Se invistes en empresas que desenvolvan actividades agrarias, xa sexa mediante a adquisición de capital social, mediante préstamos realizados a ditas empresas ou mediante aportacións a contas en participación constituídas para o desenvolvemento de actividades agrarias xestionadas por ditas entidades, podes aplicar unha dedución na declaración da renda do 20% das cantidades investidas, cun límite de dedución de 20.000 euros.
Dito investimento tamén goza dunha dedución do 100% na parte da cota do imposto sobre o patrimonio que proporcionalmente lle corresponda ao seu valor.
Requisitos
- O investimento tense que realizar nalgunhas das seguintes empresas:
- Sociedades de fomento empresarial da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia e outro tipo de sociedades de xestión conxunta;
- Entidades agrarias, cooperativas agrarias ou de explotación comunitaria da terra cuxo obxecto exclusivo sexa as actividades agrarias ou
- Entidades cuxo obxecto sexa a mobilización ou recuperación das terras agrarias de Galicia ao abeiro dos instrumentos da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.
- Formalizar o investimento en escritura pública na que se faga constar a identidade do inversor e o importe da inversión.
- O investimento debe manterse durante un período mínimo de 5 anos. No caso de operacións de financiamento o prazo de vencemento deber ser igual ou superior a 5 anos, sen que poida amortizarse unha cantidade superior ao 20% anual do importe principal.
- O contribuínte non pode realizar funcións executivas nin de dirección na empresa durante un prazo de 10 anos, nin manter durante dito prazo unha relación laboral coa mesma, agás no caso de sociedades laborais ou sociedades cooperativas.
Se compras unha explotación agraria e lle resulta aplicable algunha das reducións previstas na Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización das explotacións agrarias, podes aplicar unha dedución polo importe necesario para que alcance o 100 % do valor do ben obxecto de redución, de tal forma que non pagas imposto de transmisións patrimoniais onerosas.
Se herdas unha explotación agraria ou dereitos de usufruto sobre esta podes aplicar unha redución do 99% sobre o seu valor no imposto de sucesións.
Requisitos
- Que o causante ou o seu cónxuxe tivesen no momento da devindicación a condición de agricultor/a profesional.
- Que teñas algún dos seguintes vínculos co causante: cónxuxe, descendente ou adoptado, ascendente ou adoptante, ou colateral, por consanguinidade ou afinidade, ata o cuarto grao incluído.
- Que se manteña a explotación agraria durante os 5 anos posteriores, agás que nese prazo faleza a persoa adquirente ou transmita a explotación en virtude de pacto sucesorio.
- Que a explotación viñese exercendo actividades agrarias durante un período superior aos dous anos anteriores á devindicación.
- Que a explotación este situada en Galicia.
Se che doan unha explotación agraria podes aplicar unha redución do 99% sobre o seu valor no imposto de doazóns
Requisitos
- Que a persoa doadora teña 65 ou máis anos ou se atope nunha situación de incapacidade permanente en grao de absoluta ou grande invalidez
- Que a persoa doadora teña no momento da devindicación a condición de agricultor/a profesional e a perda a consecuencia da doazón
- Que teñas algún dos seguintes vínculos co causante: cónxuxe, descendente ou adoptado, ascendente ou adoptante, ou colateral, por consanguinidade ou afinidade, ata o cuarto grao incluído.
- Que se manteña a explotación agraria ou os predios rústicos, así como a condición de agricultor/a profesional durante os 5 anos posteriores, agás que nese prazo faleza a persoa adquirente ou transmita a explotación en virtude de pacto sucesorio.
- Que a explotación viñese exercendo actividades agrarias durante un período superior aos dous anos anteriores á devindicación.
- Que a explotación estea situada en Galicia.
Se posúes terreos rústicos afectos a unha explotación agraria podes aplicar unha dedución do 100% na parte da cota do imposto sobre o patrimonio que proporcionalmente lle corresponda ao seu valor.
Requisitos
- A explotación debe estar inscrita no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia.
- Deben estar afectos á explotación polo menos durante a metade do ano natural.