Volver ao contido

Notas de prensa Notas de prensa

Atrás

A Xunta permitirá o pago das débedas tributarias mediante transferencia bancaria e xiro postal

A Xunta permitirá o pago das débedas tributarias mediante transferencia bancaria e xiro postal

  • O DOG publica hoxe a orde pola que se regulan estes medios de pago
  • Trátase de facilitar o cumprimento das obrigas tributarias a todos os cidadáns

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2022.- A Xunta de Galicia permitirá o pago das débedas tributarias mediante transferencia bancaria e xiro postal. Deste xeito, a Administración galega vai ampliar os medios de pago dispoñibles co obxectivo de facilitar o cumprimento das obrigas tributarias a todos os cidadáns.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería de Facenda e Administración Pública, pola que se regula o pago mediante transferencia bancaria e xiro postal das débedas cuxa xestión recadatoria ten encomendada a Axencia Tributaria de Galicia (Atriga). Esta norma permitirá, previa publicación das respectivas resolucións da Atriga, o emprego destes medios para o pago dos tributos autonómicos.

Trátase de ampliar as posibilidades de pago das que xa dispoñen os cidadáns, e no caso do pago mediante transferencia bancaria , dar resposta a todos aqueles casos nos que o contribuínte non ten aberta unha conta en ningunha das entidades colaboradoras coa Atriga.

Máis asistencia
Esta medida enmárcase nas actuacións desenvoltas pola Axencia Tributaria de Galicia para reforzar e avanzar na información, e simplificar a asistencia a todos os cidadáns.

Neste marco, a Atriga universalizou durante o 2021 a posibilidade de que calquera cidadán puidese aboar on line, -a través da Oficina Virtual Tributaria e cunha tarxeta de crédito ou débito- todos os ingresos xestionados por este organismo, para evitar os desprazamentos ás oficinas bancarias. Desde a súa implantación en agosto e ata o momento efectuáronse de 181.095 operacións.  

Desde este ano 2022, habilitou a posibilidade de realizar nas súas delegacións o pago das autoliquidacións do Imposto de Sucesións e Doazóns, do Imposto de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados (ITP-AXD) e de vehículos usados por importe de ata 3.000 euros a través dun Terminal en Punto de Venda (TPV) físico.
Os cidadáns poden realizar este pago mediante tarxeta de crédito ou débito de calquera entidade bancaria –e sen comisión de utilización para o contribuínte- no mesmo momento no que están a realizar a presentación dos impostos e coa mesma cita que soliciten para ser atendidos de xeito presencial en calquera das cinco delegacións da Atriga (A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo). Desde a súa implantación, a mediados deste mes de febreiro e ata agora, xa se efectuaron 1.108 operacións.