Volver ao contido

Notas de prensa Notas de prensa

Atrás

A Xunta habilita o sistema de xiro postal para o pago das débedas tributarias 

A Xunta habilita o sistema de xiro postal para o pago das débedas tributarias 

  • A Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) asina un convenio de colaboración con Correos para posibilitar a utilización deste sistema 
  • Deste xeito quérese facilitar o cumprimento das obrigas tributarias a todos os cidadáns, sobre todo a aqueles que viven en zonas rurais

Santiago de Compostela, 01 de xuño de 2022.- A Xunta de Galicia vai habilitar, xa a finais desta mesma semana, o sistema de xiro postal para o pago das débedas tributarias. Con esta finalidade, a Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) acaba de asinar un convenio de colaboración con Correos para posibilitar a súa utilización.

Deste xeito, a Atriga fai efectiva a ampliación dos medios de pago dispoñibles co obxectivo de facilitar o cumprimento das obrigas tributarias a todos os cidadáns, en especial a aqueles que viven en zonas rurais.

Na sinatura do convenio estiveron presentes o conselleiro de Facenda e Administración Pública e presidente da Atriga, Miguel Corgos; a directora da Atriga, María Victoria González, a directora de Relacións Institucionais e Filatelia de Correos y Telégrafos, Leire Díez, e o xerente de Produtos e Servizos Área Noroeste de Correos, Xosé Chorén.

Con este acordo, Correos pon a disposición dos contribuíntes a súa rede de 2.370 oficinas distribuídas por toda España para efectuar o xiro postal. Miguel Corgos sinalou que os cidadáns terán un horario máis amplo para realizar os pagos en relación ao que adoitan aplicar, por exemplo, as entidades bancarias. No ámbito rural, o servizo prestarase a través dos carteiros rurais, que axudan a superar as dificultades derivadas da dispersión xeográfica característica de Galicia.

Documentos 
O sistema estará operativo a partir do venres 3 de xuño, unha vez que se publique no DOG do día 2 a resolución da Atriga na que figuran os documentos que, nunha primeira fase, poden ser ingresados mediante xiro postal. 

Eses documentos son os impostos sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados (ITP-AXD); a transmisión de determinados medios de transporte usados; o imposto sobre sucesións e doazóns; as liquidacións notificadas polas Administracións; pagos aprazados ou fraccionados; ou taxas, prezos e sancións. 

Máis asistencia
O conselleiro de Facenda e Administración Pública lembrou que a sinatura deste convenio materializa unha medida máis das desenvoltas pola Axencia Tributaria de Galicia para reforzar e avanzar na información e simplificar a asistencia a todos os cidadáns.

Así, a Atriga universalizou durante o 2021 a posibilidade de que calquera cidadán puidese aboar on line, -a través da Oficina Virtual Tributaria e cunha tarxeta de crédito ou débito- todos os ingresos xestionados por este organismo, para evitar os desprazamentos ás oficinas bancarias. 

Ademais, neste ano 2022 habilitou a posibilidade de realizar nas súas delegacións o pago das autoliquidacións do Imposto de Sucesións e Doazóns, do Imposto de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados (ITP-AXD) e de vehículos usados por importe de ata 3.000 euros a través dun Terminal en Punto de Venda (TPV) físico.

Nesta liña, a Axencia Tributaria de Galicia seguirá reforzando e avanzando na información e simplificando a asistencia aos contribuíntes para prestar uns servizos públicos máis accesibles, sinxelos e áxiles.