Poden solicitar devolucións por ingresos indebidos, as persoas obrigadas tributarias que realizasen un ingreso no tesouro público indebidamente, con ocasión do cumprimento das súas obrigacións tributarias ou do pago de sancións que a Axencia Tributaria de Galicia xestiona.
En particular, procede a devolución nos seguintes casos:
- Cando se produciu unha duplicidade no pago de débedas ou obrigacións tributarias.
- Cando a cantidade pagada é superior ao importe das débedas liquidadas ou autoliquidadas.
- Cando se ingresaron cantidades correspondentes a débedas ou sancións unha vez transcorridos os prazos de prescrición.
- Cando a Administración rectifique o acto que motivou o ingreso.
Así mesmo, procederá a devolución cando como consecuencia dunha resolución administrativa ou xudicial firme se anule total ou parcialmente unha débeda liquidada ou autoliquidada e tal anulación dea lugar ao ingreso indebido.
Ademais do propio ingreso indebido, a devolución inclúe a recarga, costas e xuros, se o ingreso se realizou en vía de constrinximento, e o xuro de mora polo tempo transcorrido dende o ingreso ata a proposta de pago.
O dereito á devolución prescribe aos 4 anos (para débedas tributarias) ou aos 5 anos (para débedas non tributarias) dende o día en que se realizou o ingreso indebido, aínda que o devandito prazo se interrompe por calquera acto fidedigno do suxeito pasivo dirixido a obter a devolución, ou por calquera acto da Administración en que se recoñeza a súa existencia.
O procedemento de devolución pode iniciarse de oficio pola Administración ou a instancia da persoa interesada mediante escrito que conteña a súa identificación completa e a xustificación do ingreso indebido.
A persoa interesada pode solicitar a devolución de ingresos indebidos de forma:
- Presencial, mediante escrito ou modelo normalizado, nos rexistros da Xunta de Galicia ou por calquera outro dos medios que indica o apartado 4 do artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro , do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.
- Telemática:
- Pola OVT (certificado dixital ou DNI electrónico) a través do apartado de Solicitudes -> Devolución de ingresos indebidos.
-
Pola Sede electrónica da Xunta de Galicia (certificado dixital, DNI electrónico ou Chave) polo procedemento PR004A
A resolución que se dite neste procedemento é reclamable en vía económico-administrativa, previo recurso de reposición, se o interesado decide interpoñelo.
Enlaces asociados