Volver ao contido

Servizo de cita previa na
Axencia Tributaria de Galicia

 

A Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) habilitou un servizo de cita previa para realizar diversos trámites de forma presencial ou telefónica.

A fin de evitar aglomeracións, e garantindo unha adecuada prestación do servizo público coa máxima protección da saúde dos traballadores e dos cidadáns, recoméndase solicitar cita previa, quedando supeditada a atención sen cita á existencia de postos libres. Os usuarios con cita previa serán atendidos de forma preferente.

Os trámites para os que pode solicitar cita previa presencial son:

  • A presentación dos modelos de autoliquidación 600, 620, 650, 651 e 660.
    Requisitos para a presentación presencial:
    • Modelo de autoliquidación debidamente cuberto que poderá confeccionar na OVTributaria ou adquirilo nos estancos autorizados ou nas Oficinas de Distrito Hipotecario.
    • Ingreso da cota tributaria, sen prexuízo da posibilidade de presentar solicitude de aprazamento ou fraccionamento na forma, lugar e prazo que determine a normativa tributaria.
      Se a cota tributaria a ingresar é igual ou inferior a 3.000€ poderá realizar o pago mediante tarxeta de débito ou crédito no Terminal Punto de Venda (TPV) físico da Delegación da Atriga ou nunha entidade financeira colaboradora; se é superior a 3.000 € deberá ser ingresada nunha  entidade financeira colaboradora.
      Nota: As Oficinas Liquidadoras de Distrito Hipotecario e as de Distrito Hipotecario NON teñen TPV físico para realizar o pago nas oficinas.
    • Achegar a documentación requirida que pode consultar nas guías dos impostos.
  • Solicitar certificado de ausencia de débedas.
  • Información sobre algún expediente existente ou trámite administrativo consecuencia dun procedemento de xestión ou recadación cuxa competencia corresponda a órganos da Axencia Tributaria de Galicia.
  • Solicitar asistencia na confección do modelo 620.

Os trámites para os que pode solicitar cita previa para atención telefónica son:

  • Información sobre algún expediente existente ou trámite administrativo consecuencia dun procedemento de xestión ou recadación cuxa competencia corresponda a órganos da Axencia Tributaria de Galicia.
  • Información tributaria xeral sobre transmisións patrimoniais, vehículos, sucesións, doazóns, recadación, tributación sobre o xogo, tributos propios, taxas e patrimonio.
  • Solicitar asistencia na confección do modelo 620.

A información tributaria de carácter xeral tamén se pode obter no número de información ao contribuínte 881 955 800, así como nos distintos números das Oficinas Liquidadoras de distrito Hipotecario da Coruña en horario de 9 a 14 horas.

Para solicitar cita previa no curso dun procedemento inspector, deberase chamar ao número de teléfono que figura no escrito de comunicación de inicio de dito procedemento.

A presentación de escritos referidos a un expediente e de solicitudes poderá realizarse nos Rexistros da Xunta de Galicia ou por calquera outro dos medios que estipula a Lei 39/2015, do 1 de outubro. Se dispón de certificado dixital, DNI electrónico ou Chave 365 poderá realizar a presentación na sede electrónica da Xunta de Galicia polo Procedemento PR004A.