É o determinado pola Dirección Xeral do Catastro como resultado da análise dos prezos de todas as compravendas de inmobles que se realizan ante fedatario público, en función dos datos de cada inmoble, que figuren no Catastro Inmobiliario.
A partir do 1 de xaneiro de 2022 a Axencia Tributaria de Galicia so emite valoracións de bens inmobles en caso de inexistencia do valor de referencia.
Os valores de referencia dos inmobles están dispoñibles na Sede electrónica do Catastro (https://www.sedecatastro.gob.es/ ).
A Sede electrónica do Catastro ofrece a posibilidade de consultar e certificar o valor de referencia dun inmoble a unha determinada data. Para acceder á consulta, a persoa interesada deberá identificarse, por medio dos datos do seu Documento Nacional de Identidade, con certificado dixital, ou a través de Cl@ve.
A impugnación do valor de referencia só pode producirse cando teña efecto fiscal, e sexa base impoñible dos impostos sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados ou sobre sucesións e doazóns. No caso de que con ocasión dunha transmisión, o valor de referencia opere como base impoñible nestes impostos, o suxeito adquirente dos inmobles (suxeito pasivo destes impostos) pode impugnalo ante a Administración tributaria correspondente, con ocasión das rectificacións das súas autoliquidacións ou da presentación de recursos contra as liquidacións que no seu caso se practiquen. Iso non obsta para que, en calquera momento, en caso de desconformidade cos datos descritivos do inmoble no Catastro, o titular catastral presente declaracións ou inste, ante a Dirección Xeral do Catastro, os procedementos catastrais de revisión previstos na norma.
Alén da súa función descritiva, o valor de referencia de cada inmoble servirá como base impoñible dos impostos sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados (ITP e AXD) ou sobre sucesións e doazóns (ISD).
Cando unha operación de transmisión dun inmoble estea suxeita a un destes impostos, o valor de referencia do devandito inmoble será a base impoñible do imposto correspondente.
O valor de referencia non pode superar o valor de mercado, para o que se empregan factores de minoración na súa determinación, de xeito que o seu uso como base impoñible non implica un aumento da tributación.
Con todo, se o valor declarado, o prezo ou a contraprestación pagada son superiores ao valor de referencia do inmoble, tomarase como base impoñible a maior destas magnitudes.
Así, o valor de referencia do inmoble será a base mínima de tributación nestes impostos.
Ademais, no suposto de suxeición ao ITP e AXD na modalidade de actos xurídicos das primeiras copias de escrituras públicas que teñan por obxecto inmobles, cando a base impoñible se determine en función do valor dos mesmos, este non poderá ser inferior ao seu valor de referencia.
Finalmente, cando o valor de referencia fose base impoñible no tributo que grave a adquisición dun inmoble, este tomarase en conta para aplicar a regra de determinación da base impoñible do imposto sobre o patrimonio ao que no seu caso, estea suxeito. Por tanto, o valor de referencia só poderá afectar o imposto sobre o patrimonio no que se refira a inmobles adquiridos a partir de 1 de xaneiro de 2022, en ningún caso ao patrimonio preexistente.
Valor dos bens inmobles:
Cando un inmoble non ten valor de referencia ou non pode ser certificado pola Dirección Xeral do Catastro, a base impoñible no imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados é a maior das seguintes magnitudes: valor declarado, prezo ou contraprestación pactada ou valor de mercado.
En cuanto ao imposto sobre sucesións e doazóns, neste caso a base impoñible é a maior das seguintes magnitudes: valor declarado ou valor de mercado.
Valoración:
Para obter información con carácter previo á adquisición ou transmisión de bens inmobles situados na Comunidade Autónoma de Galicia, a efectos dos impostos de sucesións e doazóns, e transmisións patrimoniais onerosas e actos xurídicos documentados, establécense dous sistemas:
- Sistema Web: o contribuínte ten á súa disposición unha ferramenta adaptada ás mesmas na Oficina Virtual Tributaria. Recoméndase achegar coa autoliquidación do imposto a impresión da valoración obtida.
- Sistema presencial: o interesado poderá solicitar valoración previa á unidade de valoración da Axencia Tributaria de Galicia que sexa competente segundo a situación do ben.