Unha vez practicada a notificación dunha liquidación iníciase o período voluntario de ingreso da débeda tributaria ou do ingreso de dereito público de que se trate.
En período voluntario:
a. Liquidacións notificadas entre o 1 e 15 de cada mes: ata o 20 do mes posterior ou o día hábil inmediatamente posterior.
b. Liquidacións notificadas entre o 16 e último de cada mes: ata o 5 do segundo mes posterior ou o día hábil inmediatamente posterior.
Iniciado o período executivo e notificada a providencia de constrinximento:
a. Providencias notificadas entre o 1 e 15 de cada mes: ata o 20 de mesmo mes ou o hábil inmediatamente posterior.
b. Providencias notificadas entre o 16 e último de cada mes: ata o 5 do mes seguinte ou o hábil inmediatamente posterior.
A falta de ingreso da débeda en período voluntario orixina que se abra o período executivo para o cobro da débeda polo procedemento de constrinximento.
O inicio do período executivo determina a devindicación das seguintes recargas:
- Executiva do 5%, se se paga a débeda antes de que se notifique a providencia de constrinximento.
- De constrinximento reducido do 10%, se se paga a débeda e a recarga dentro do prazo de pago aberto pola notificación da providencia de constrinximento.
- De constrinximento ordinario do 20%, máis os xuros de mora, se o pago se fai fóra dos prazos indicados anteriormente.
No prazo dun mes, a contar dende o día seguinte ao de recepción da notificación da liquidación, pódese interpor un recurso de reposición ou ben, unha reclamación económico administrativa.
Hai que ter presente que:
- Se se fai o pago da cantidade indicada, e posteriormente se estima a reclamación ou o recurso interpostos, devolverase o importe pagado cos xuros de mora correspondentes.
- Pódese solicitar a suspensión do pago da débeda ata que se resolva o recurso ou a reclamación. Para iso é preciso aportar a garantía suficiente que asegure a débeda, agás nos supostos de suspensión sen garantía previstos na normativa vixente.
Máis información:
A interposición dun recurso de reposición ou dunha reclamación económico-administrativa non suspende a execución do acto que se impugna.
Con todo, pódese obter a suspensión do ingreso:
- Se se solicita a suspensión no momento de interpoñer recurso de reposición ou reclamación económico administrativa, aportando as garantías exixidas.
- Se se interpón recurso de reposición ou reclamación económico administrativa contra unha sanción tributaria, sen necesidade de garantías.
- Se se solicita a taxación pericial contraditoria, cando proceda.
A suspensión concedida, poderá estender os seus efectos á vía económico-administrativa se se estende o alcance das garantías aportadas inicialmente.
Resolto o recurso, a reclamación económica administrativa ou a taxación pericial contraditoria, exixiranse, xunto á liquidación definitiva, os xuros de demora devindicados durante o tempo que dure a suspensión.
Se como consecuencia da resolución, a débeda tributaria liquidada é declarada total ou parcialmente improcedente, procede o reembolso total ou parcial do custe da garantía que se constituíra para a suspensión.
A taxación pericial contraditoria (TPC) é un procedemento que poden promover as persoas interesadas cando non estean de acordo cos valores propostos pola Administración, tras unha comprobación de valores.
Pódese promover dentro do prazo para interpoñer o primeiro recurso ou reclamación contra a liquidación efectuada pola Administración ou contra o acto de comprobación de valores debidamente notificado, cando a normativa propia do tributo prevea isto último.
Se o interesado estima que a valoración da Administración non está suficientemente motivada, pode reservarse o dereito a promover a TPC, no recurso de reposición ou na reclamación económico administrativa que interpoña contra a liquidación da Administración. Neste caso, o prazo para promover a TPC contarase dende a data en que adquira firmeza en vía administrativa o acordo que resolva o recurso ou a reclamación na que se reservou o dereito.
A solicitude de TPC, ou a reserva do dereito a promovela, determina a suspensión da execución da liquidación e do prazo para interpoñer recurso ou reclamación contra a mesma.
Base para a liquidación.
Se a diferencia entre o valor do perito da Administración e a taxación do perito designado polo obrigado tributario, é igual ou inferior a 120.000 euros e ao 10% da antedita taxación, servirá de base para a liquidación a taxación do perito do obrigado tributario.
Se a diferencia é superior, deberá designarse un perito terceiro.
A valoración do perito terceiro servirá de base á liquidación, cos límites do valor declarado e o valor comprobado pola Administración tributaria.
Pago aos peritos.
Os honorarios do perito designado pola persoa interesada serán satisfeitos por ela.
En canto aos honorarios do perito terceiro, se a taxación practicada por este é superior ao 20 % do valor declarado, serán abonados polo obrigado tributario e, en caso contrario, serán a cargo da Administración.
Máis información