Volver ao contido

Denuncia pública tributaria

Mediante a denuncia pública poderanse poñer en coñecemento da Administración tributaria feitos ou situacións que poidan ser constitutivos de infraccións tributarias ou ter transcendencia para a aplicación dos tributos. Por tanto, a denuncia no ámbito tributario supón poñer en coñecemento da Administración tributaria a existencia de feitos ocultados total ou parcialmente con transcendencia tributaria.

Esta canle  de denuncias tributarias, dentro do ámbito do artigo 114 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, Xeral Tributaria, permite aos cidadáns colaborar coa Axencia Tributaria de Galicia mediante a denuncia de condutas fraudulentas, facilitando a detección da fraude e o coñecemento de feitos susceptibles de provocar o inicio de actuacións de control tributario en materias que sexan competencia desta Axencia.

 

Que se pode denunciar? 

 

Pódense denunciar feitos que poidan ser constitutivos de fraude fiscal e ás persoas que os poidan cometer ou estean involucradas. Por exemplo:

  • Titularidade oculta de bens e dereitos patrimoniais.
  • Bens situados no estranxeiro non declarados.
  • Cambio de titularidade de bens sen declarar.
  • Simulación da afectación de bens a unha actividade económica ou profesional.
  • Adquisición de bens e dereitos por herdanza ou doazón non declarados.
  • Bens declarados por baixo do seu valor.
  • Incorrecta declaración dos datos tributarios facilitados.
  • Herdeiros que permanecen ocultos que poderían facerse cargo de obrigacións tributarias pendentes. 
  • Calquera outro suposto constitutivo de fraude fiscal.

A denuncia tributaria debe ter relación con algún dos impostos que xestiona a Axencia Tributaria de Galicia (relaciónanse no formulario de denuncia).

 

Como debe ser a denuncia? 

 

Debe ser fundamentada e debe concretar ou identificar suficientemente as persoas e os feitos denunciados, debendo acompañar a documentación de que se dispoña para acreditar tales feitos.

 

Como se presenta?

 

Pódese  presentar por internet a través da Canle de denuncias tributarias, ou ben de xeito presencial mediante un escrito dirixido á Axencia Tributaria de Galicia.

 

Que consideración ten a persoa denunciante?

 

Non se considerará interesada nas actuacións administrativas que se inicien como consecuencia da denuncia nin se lle informará do resultado das mesmas. Tampouco estará lexitimada para a interposición de recursos ou reclamacións en relación cos resultados das devanditas actuacións.

A Axencia Tributaria de Galicia garante a absoluta confidencialidade da información recibida e da identidade da persoa denunciante.

 

 

canle de denuncias tributarias