Consultas tributarias
1. Emitidas pola Consellería de Facenda e Administración Pública.
2. Procedemento para formular consultas tributarias escritas con efectos vinculantes.
Para formular consultas tributarias escritas, nos termos previstos nos artigos 88 e 89 de LXT, referidas á aplicación de normas aprobadas pola Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio das súas competencias normativas en materias de tributos cedidos e tributos propios deberá dirixir un escrito á Subdirección Xeral de Análise e Coordinación, Secretaria Xeral e do Patrimonio, da Consellería de Facenda e Administración Pública.
A presentación da consulta escrita poderá realizarse nos Rexistros da Xunta de Galicia con cita previa ou por calquera outro dos medios que estipula o artigo16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. Se dispón de certificado dixital, DNI electrónico ou Chave 365 poderá realizar a presentación na sede electrónica da Xunta de Galicia polo Procedemento PR004A.
Materias sobre as que poden formularse consultas tributarias escritas con efectos vinculantes
Son materias sobre as que poden formularse consultas ante a Comunidade Autónoma de Galicia:
- Tributos propios da Comunidade Autónoma:
- Canon da auga
- Imposto sobre a contaminación atmosférica
- Canon Eólico
- Imposto sobre o dano ambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga encorada.
- Imposto compensatorio ambiental mineiro
- Canon de inmobles en estado de abandono
- Disposicións aprobadas pola Comunidade Autónoma no exercicio das súas competencias en relación cos Tributos cedidos: Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas; Imposto sobre o Patrimonio; Imposto sobre Sucesións e Doazóns; Imposto sobre Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados e Tributos sobre o Xogo, en concreto, en relación co Decreto Lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado.
Se a consulta tributaria por escrito versa sobre a normativa estatal reguladora dos tributos cedidos [Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (Lei 35/2006, do 28 de novembro); Imposto sobre o Patrimonio (Lei 19/1991, do 6 de xuño); Imposto sobre Sucesións e Doazóns (Lei 29/1987, do 18 de decembro); Imposto sobre Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados (Real Decreto Lexislativo 1/1993, do 24 de setembro)] é competencia do Estado.
Se desexa formular unha consulta sobre unha disposición estatal, deberá remitila á Dirección Xeral de Tributos do Ministerio de Facenda.
Contido do escrito da consulta tributaria
As consultas deben formularse por escrito, e deberán conter como mínimo:
- Nome e apelidos ou razón social ou denominación completa, número de identificación fiscal do obrigado tributario e, no seu caso, do representante.
- Manifestación expresa de se no momento de presentar o escrito está a tramitarse ou non un procedemento, recurso ou reclamación económico-administrativa relacionado co réxime, clasificación ou cualificación tributaria que lle corresponda exposto na consulta.
- Obxecto da consulta.
- En relación coa cuestión exposta na consulta, expresaranse con claridade e coa extensión necesaria os antecedentes e circunstancias do caso.
- Lugar, data e firma ou acreditación da autenticidade da súa vontade expresada por calquera medio válido en dereito.
Na solicitude poderase incluír un domicilio a efectos de notificacións e aquela poderase acompañar dos demais datos, elementos e documentos que poidan contribuír á formación de xuízo por parte da Administración tributaria.
No caso de que se actúe por medio de representante deberá achegarse documentación acreditativa da representación.
Prazo e presentación
As consultas deben presentarse antes da finalización do prazo establecido para o exercicio dos dereitos, a presentación de declaracións ou autoliquidacións ou o cumprimento doutras obrigacións tributarias.
A presentación e contestación das consultas non interromperá os prazos establecidos nas normas tributarias para o cumprimento das obrigas tributarias.
O prazo para a contestación das consultas por escrito é de 6 meses desde a súa presentación. A falta de contestación no devandito prazo non implicará a aceptación dos criterios expresados no escrito da consulta.
Efectos das contestacións ás consultas
A contestación ás consultas tributarias escritas terá efectos vinculantes, nos termos previstos no artigo 89 de LXT, para os órganos e entidades da Administración tributaria encargados da aplicación dos tributos na súa relación co consultante.Tamén se aplicará os criterios contidos nas consultas a calquera obrigado tributario, sempre que exista identidade entre os feitos e circunstancias de dito obrigado e os incluídos na contestación a consulta
Normativa aplicable
A normativa que regula as consultas tributarias escritas atópase nos artigos 88 e 89 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, Xeral Tributaria e os artigos 65 e seguintes do Real Decreto 1065/2007, do 27 de xullo, polo que se aproba o Regulamento Xeral das actuacións e os procedementos de xestión e inspección tributaria e de desenvolvemento das normas comúns dos procedementos de aplicación dos tributos.