Volver ao contido

Funcións

A Axencia Tributaria de Galicia é unha axencia pública autonómica das previstas e reguladas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
Como instrumento ao servizo dos intereses da Comunidade Autónoma de Galicia, perseguirá os seguintes obxectivos:

  1. Garantir que se cumpra o principio constitucional en virtude do cal todos deben contribuír ao sostemento dos gastos públicos de acordo coa súa capacidade económica, mediante actuacións de control e de colaboración con outras administracións públicas dirixidas á detección e regularización dos incumprimentos tributarios.
  2. Garantir que as actuacións administrativas que desenvolva en exercicio das súas funcións minimicen os custos indirectos derivados das exixencias formais necesarias para o cumprimento das obrigas tributarias.
  3. Fomentar o cumprimento voluntario das obrigas fiscais mediante accións de concienciación e sensibilización, prestación de servizos de información e asistencia ao contribuínte e calquera outra que, de modo directo ou indirecto, vaian encamiñadas a tal obxectivo.

Axencia Tributaria de Galicia terá as seguintes funcións:

  1. A aplicación e o exercicio da potestade sancionadora dos tributos propios da Comunidade Autónoma de Galicia, cando así o estableza a súa normativa reguladora.
  2. A aplicación e o exercicio da potestade sancionadora dos tributos estatais cedidos á Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co disposto na normativa reguladora do financiamento autonómico.
  3. A aplicación e o exercicio da potestade sancionadora das recargas que se establezan sobre os tributos estatais.
  4. A aplicación e o exercicio da potestade sancionadora doutros tributos estatais ou locais recadados en Galicia que poida asumir por delegación ou encomenda.
  5. A recadación dos ingresos de dereito público de natureza non tributaria que a normativa atribúa á consellería competente en materia de facenda.
  6. A revisión en vía administrativa das actuacións e actos realizados no exercicio das funcións anteriores, con excepción das reclamacións económico-administrativas, da revisión de actos nulos de pleno dereito e daquelas outras que por lei específica se atribúan a outros órganos.
  7. A colaboración e coordinación coas demais administracións tributarias e, en particular, a participación nos órganos de goberno da Axencia Estatal de Administración Tributaria ou, de ser o caso, nos das entidades que se creen en relación coa aplicación dos tributos en Galicia.
  8. Calquera outra función que lle sexa atribuída por lei ou por convenio administrativo.