Volver ao contido

Benvida da Axencia

A Axencia Tributaria de Galicia é unha axencia pública autonómica das previstas e reguladas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Como instrumento ao servizo dos intereses da Comunidade Autónoma de Galicia, perseguirá os seguintes obxectivos:

 

a) Garantir que se cumpra o principio constitucional en virtude do cal todos deben contribuír ao sostemento dos gastos públicos de acordo coa súa capacidade económica, mediante actuacións de control e de colaboración con outras administracións públicas dirixidas á detección e regularización dos incumprimentos tributarios.

b) Garantir que as actuacións administrativas que desenvolva en exercicio das súas funcións minimicen os custos indirectos derivados das exixencias formais necesarias para o cumprimento das obrigas tributarias.

c) Fomentar o cumprimento voluntario das obrigas fiscais mediante accións de concienciación e sensibilización, prestación de servizos de información e asistencia ao contribuínte e calquera outra que, de modo directo ou indirecto, vaian encamiñadas a tal obxectivo.

 

Axencia Tributaria de Galicia terá as seguintes funcións:


a) A aplicación e o exercicio da potestade sancionadora dos tributos propios da Comunidade Autónoma de Galicia, cando así o estableza a súa normativa reguladora.

b) A aplicación e o exercicio da potestade sancionadora dos tributos estatais cedidos á Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co disposto na normativa reguladora do financiamento autonómico.

c) A aplicación e o exercicio da potestade sancionadora das recargas que se establezan sobre os tributos estatais.

d) A aplicación e o exercicio da potestade sancionadora doutros tributos estatais ou locais recadados en Galicia que poida asumir por delegación ou encomenda.

e) A recadación dos ingresos de dereito público de natureza non tributaria que a normativa atribúa á consellería competente en materia de facenda.

f) A revisión en vía administrativa das actuacións e actos realizados no exercicio das funcións anteriores, con excepción das reclamacións económico-administrativas, da revisión de actos nulos de pleno dereito e daquelas outras que por lei específica se atribúan a outros órganos.

g) A colaboración e coordinación coas demais administracións tributarias e, en particular, a participación nos órganos de goberno da Axencia Estatal de

Administración Tributaria ou, de ser o caso, nos das entidades que se creen en relación coa aplicación dos tributos en Galicia.

h) Calquera outra función que lle sexa atribuída por lei ou por convenio administrativo.

Contido web Contido web