Dirección Dirección

A persoa titular da Dirección será nomeada e separada polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da persoa titular da consellería competente en materia de facenda.

Debe reunir requisitos de solvencia académica, profesional, técnica ou científica, en materia tributaria, así como experiencia acreditada na xestión pública.

Competencias:

  • Exercer a dirección e xestión ordinaria da Axencia, que inclúe ditar as instrucións e circulares sobre todos os temas relacionados coa organización e o funcionamento dos servizos e do seu persoal.
  • Dirixir e coordinar a actuación do Comité de Dirección.
  • Elaborar as propostas de obxectivos e plans de acción anuais, de relación de postos de traballo e oferta de emprego público e de informe xeral de actividade, para sometelos ao Consello Reitor.
  • Executar o orzamento e o plan de acción anual da Axencia.
  • Exercer a xefatura do seu persoal e, en xeral, as funcións que a normativa autonómica de función pública encomenda aos órganos superiores e directivos nesta materia, en relación coa dependencia funcional do persoal.
  • Propoñer os criterios para a avaliación do desempeño do persoal e a correspondente distribución dos conceptos retributivos asignados á remuneración dos incentivos ao rendemento legalmente previstos, dentro das previsións establecidas polo seu orzamento e conforme ós criterios recollidos no contrato plurianual de xestión.
  • Xestionar o patrimonio e administrar os recursos económicos da Axencia.
  • Autorizar e dispoñer gastos con cargo a créditos orzamentarios, recoñecer obrigas e ordenar os seus pagamentos, conforme a normativa orzamentaria aplicable.
  • Formular as contas anuais e elevalas ao Consello Reitor para a súa aprobación.
  • Aprobar o plan de control tributario anual.
  • Aprobar o plan anual de formación do persoal ao servizo da Axencia.
  • Propoñer á consellería competente en materia de facenda a elaboración de normas sobre a aplicación dos tributos e sobre a recadación en período executivo doutros ingresos de dereito público.
  • Coñecer os proxectos normativos cando afecten a procedementos tributarios e, en xeral, ás súas competencias e funcións, e emitir informe sobre estes.
  • A coordinación e supervisión das distintas áreas e departamentos da Axencia.
  • Ditar instrucións polas cales se establezan os criterios de actuación dos distintos órganos e unidades dependentes ou adscritos, así como circulares para a unificación de criterios nos ámbitos das funcións encomendas á Axencia.
  • Elaborar a proposta de resolución á persoa titular da consellería competente en materia de facenda en relación cos procedementos especiais de revisión en materia tributaria de actos nulos de pleno dereito e de declaración de lesividade de actos anulables, respecto aos actos ditados polos órganos da Axencia.
  • A resolución dos procedementos de revogación dos actos da Axencia ditados no exercicio das súas funcións.
  • Cumprir as demais funcións atribuídas nos estatutos da Axencia, as que lle atribúa o Regulamento de réxime interior e as que lle delegue a Presidencia ou o Consello Reitor.
  • Ditar as resolucións nos procedementos tributarios e sancionadores en materia tributaria da súa competencia, sempre que non estean atribuídas especificamente a outros órganos.
  • Asumir as facultades que non estean atribuídas expresamente a outro órgano e as que lle atribúan as disposicións vixentes.