A Axencia Tributaria de Galicia é o organismo encargado da aplicación dos tributos, o exercicio da potestade sancionadora en materia tributaria e a función revisora en vía administrativa dos actos ditados no exercicio das súas funcións.
Configúrase como unha axencia pública autonómica con personalidade xurídica propia, autonomía funcional e de xestión e plena capacidade de actuación no desenvolvemento das funcións asumidas, entre as que se atopan:
- A aplicación e o exercicio da potestade sancionadora dos tributos propios da Comunidade Autónoma de Galicia, dos tributos estatais cedidos e das recargas que se establezan sobre estes, así como doutros tributos estatais ou locais recadados en Galicia que poida asumir por delegación ou encomenda.
- A recadación dos ingresos de dereito público de natureza non tributaria que a normativa atribúa á consellería competente en materia de facenda.
- A revisión en vía administrativa das actuacións e actos realizados no exercicio das funcións anteriores, con excepción das reclamacións económico-administrativas, da revisión de actos nulos de pleno dereito e daqueloutras que por lei específica se atribúan a outros órganos.
- A colaboración e coordinación coas demais administracións tributarias.
- Calquera outra función que lle sexa atribuída por lei ou por convenio administrativo.