30.04.2025
O 28 de abril de 2025, a partir das 12.30 horas, produciuse unha interrupción xeneralizada da subministración eléctrica en todo o territorio peninsular que afectou ao normal funcionamento dos servizos públicos e aos sistemas utilizados na tramitación dos procedementos tributarios, incidindo no exercicio dos dereitos dos interesados.
En aplicación de artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, publícase no DOG Núm. 81-Bis do martes, 29 de abril de 2025, a Resolución do 29 de abril de 2025, da Secretaría Xeral da Presidencia, pola que se dá publicidade á Resolución da Presidencia da Xunta de Galicia do 29 de abril de 2025, pola que se dispón a ampliación xeral de prazos nos procedementos administrativos como consecuencia da interrupción xeneralizada da subministración eléctrica acaecida o día 28 de abril de 2025.
Na citada resolución establécese con carácter xeral a ampliación en dous días de todos os procedementos e todos os prazos administrativos que venzan os días 28 e 29 de abril de 2025, polo que quedan ampliados nese período os prazos para:
- A presentación de declaracións e autoliquidacións así como da documentación correspondente.
- O ingreso da débeda tributaria derivada das autoliquidacións, liquidacións, prezos, multas e sancións xestionados pola Atriga.
- A presentación das solicitudes de prórroga para a presentación de autoliquidacións e documentación do imposto sobre sucesións
- Os procedementos tributarios cuxa xestión corresponde á Atriga e os seus prazos de alegacións, probas e requirimentos.
- A interposición do recurso de reposición.