23.04.2025
A partir do luns 5 de maio, os particulares que sexan obrigados tributarios de determinados feitos impoñibles no imposto de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, teñen a opción de que o persoal funcionario da Atriga lle confeccione a autoliquidación (modelo 600) no horario de atención ao público (de 9 a 14 horas).
Para iso, hai a opción de poder solicitar cita con carácter previo, a cal xa se pode solicitar. O particular, no momento de solicitar a cita, poderá escoller se quere ser atendido de forma presencial nalgunha das cinco delegacións da Atriga onde se vai prestar o servizo, ou, de forma telefónica.
No caso de escoller unha cita para ser atendido de forma telefónica, é imprescindible que se dispoña de medios informáticos que lle permitan achegar a documentación necesaria para que se lle poida confeccionar o modelo o día escollido, así como descargalo unha vez confeccionado, debendo posteriormente presentalo nalgunha das oficinas da Atriga.
No caso de escoller unha cita de atención presencial, o particular deberá acudir coa documentación necesaria, salvo que xa a aportase no momento no que solicitou a cita. Unha vez confeccionado o modelo, poderase pagar na propia delegación, se conta con tarxeta de débito ou crédito e o importe é inferior a 3.000 €, e presentar, sen necesidade de pedir nova cita.
Así mesmo, os particulares que non teñan cita poderán ser atendidos de forma presencial sempre e cando existan postos libres para ese servizo.
O servizo prestarase só a persoas físicas (particulares) que sexan os suxeitos pasivos do imposto. En ningún caso se prestará este servizo a profesionais ou colaboradores sociais.
Pódese solicitar cita para o servizo “Asistencia na confección do modelo 600” e consultar as condicións e requisitos do devandito servizo na seguinte lligazón: https://citaprevia.atriga.gal/