18.03.2024
A Axencia Tributaria de Galicia (Atriga), desde a súa entrada en funcionamento o 1 de xaneiro de 2013, ten encomendadas as funcións aplicativas dos tributos como instrumento ao servizo dos intereses da Comunidade Autónoma de Galicia para a aplicación efectiva dos recursos ao seu cargo.
O artigo 116 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, establece a obriga de elaborar anualmente un plan de control tributario, con carácter reservado, sen prexuízo da publicidade, a través do Diario Oficial de Galicia, dos criterios xerais que o informan.
Neste contexto, o Diario Oficial de Galicia publicou o 15 de marzo o Plan xeral de control tributario de 2024, que reforza as liñas de actuación desenvolvidas pola Atriga desde a súa posta en marcha.
O obxectivo do Plan de control tributario céntrase na loita contra a fraude fiscal, con fundamento nos principios de xustiza, xeneralidade, igualdade e capacidade económica, establecidos polo artigo 31 da Constitución española como criterios de contribución ao sostemento dos gastos públicos.
Desta forma, o Plan de control tributario convértese nun instrumento fundamental para conseguir unha efectiva aplicación dos principios expostos, xa que marca as liñas de actuación da Administración tributaria, tendo en conta a dispoñibilidade de medios materiais e persoais para realizar estas funcións.
Plásmanse neste plan as liñas de actuación que se consideran máis relevantes consolidando, por unha banda, as actuacións realizadas en anos anteriores e incorporando, por outra banda, novas actuacións motivadas polo desenvolvemento normativo e pola evolución económica, tecnolóxica e social.