- A directora da Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) compareceu hoxe na Comisión 3ª do Parlamento para explicar a Memoria de actividades do organismo do 2024
- Sonia Lafont incidiu en que os cidadáns galegos contan con diferentes canles tanto para relacionarse coa Atriga como para cumprir coas súas obrigas tributarias: “O cidadán decide como quere ser atendido”
- A Atriga atendeu o ano pasado máis de 1,77 millóns contribuíntes, un 4% máis que o ano anterior
- Máis do 95% dos contribuíntes galegos cumpren de forma voluntaria as súas obrigas tributarias
- Galicia incrementou case un 9% a recadación dos impostos xestionados pola Atriga
Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2025. - A Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) reduciu preto dun 40% (38%) o tempo medio de espera dos contribuíntes, que baixou de case 9 minutos no 2020 a 5,4 minutos no 2024. Nese mesmo período, o tempo de atención aos cidadáns incrementouse un 35%, pasando dos 8,2 minutos no 2020 aos máis de 11 minutos o ano pasado.
A directora da Axencia Tributaria de Galicia (Atriga), Sonia Lafont, compareceu hoxe na Comisión 3ª do Parlamento para expoñer a Memoria de actividades relativa ao ano 2024 e puxo en valor o esforzo de todo o persoal da Atriga na mellora da atención á cidadanía, tanto no referido á forma de acceder á información como no que se refire a facilitar o cumprimento voluntario das súas obrigas tributarias, con actuacións de información e asistencia destinadas a facer máis sinxelo e áxil o acceso á administración.
Esta mellora nos tempos de atención ao cidadán está vencellada co esforzo levado a cabo pola Atriga na mellora dos servizos. De feito, durante a súa intervención, Sonia Lafont incidiu en que os cidadáns galegos contan con diferentes canles tanto para relacionarse coa Atriga como para cumprir coas súas obrigas tributarias: “O cidadán decide como quere ser atendido”, subliñou.
Estas funcións “son multicanle”, préstanse tanto de xeito presencial, como mediante a canle telefónica e a través da páxina web, para permitir que o contribuínte escolla a que lle resulte máis fácil. Neste sentido, a Atriga atendeu o ano pasado máis de 1,77 millóns de contribuíntes. Deles, preto de 12.000 recibiron atención a través da canle preferente para maiores de 65 anos.
A solicitude de cita previa para acudir ás oficinas é opcional para a cidadanía e, polo tanto, pódese acudir directamente sen necesidade de contar con ela. Así, a reserva dunha cita con antelación á atención solicitada é unha ferramenta útil, que non só permite unha mellor organización do traballo e unha mellor asignación dos efectivos aos servizos demandados polos cidadáns en cada momento, senón que tamén é unha ferramenta de calidade, xa que permitiu reducir os tempos de espera do cidadán.
Facilitar o pagamento sen desprazamentos
No ano 2024, a Atriga seguiu avanzando no obxectivo de facilitar o cumprimento das obrigas tributarias, non só desde o ámbito da información e a asistencia de xeito presencial e telefónico, senón tamén coa renovación da súa páxina web, para facela máis intuitiva e accesible -mellorando en usabilidade e cunha linguaxe máis sinxela-, coa finalidade de contribuír a garantir a prestación dos servizos públicos a todos os galegos e galegas.
Así mesmo, co obxectivo de ampliar os medios de pago, neste ano 2024 engadiuse a posibilidade de facer os pagamentos dos tributos mediante transferencia.
Ademais, desde marzo do pasado ano, os cidadáns galegos poden pagar os seus impostos, taxas ou ingresos xestionados pola Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) a través da aplicación móbil da Atriga, que permite o acceso de forma áxil, sinxela e intuitiva aos seus servizos. A aplicación está dispoñible en galego e en castelán e inclúe servizos de acceso libre e outros que requiren acreditar a identificación do usuario. Esta identificación pode realizarse mediante a Chave365, o certificado electrónico ou o DNI electrónico.
O aumento dos medios de pago vénse producindo de forma progresiva e a app vénse a sumar aos que facilitan o pagamento electrónico, como a domiciliación e a transferencia bancaria. Así mesmo, os cidadáns poden realizar nas delegacións da Atriga antes da súa presentación, nun mesmo momento, o pago das autoliquidacións do Imposto de Sucesións e Doazóns, do Imposto de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados (ITP-AXD) e de vehículos usados por importe de ata 3.000 euros, a través dun Terminal en Punto de Venda (TPV) físico.
Para os pagos de pequeno importe pódense utilizar o TPV virtual e bizum e no medio rural a través do xiro postal e carteiro rural e o pago a través de caixeiros automáticos.
Sonia Lafont destacou tamén que a Comunidade galega veu incrementada case un 9% (8,9%) a recadación dos impostos xestionados pola Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) no ano 2024. Máis do 95% (95,3%) dos contribuíntes galegos cumpren de forma voluntaria as súas obrigas tributarias.
Actuacións tributarias
A Memoria de actividade presentada hoxe recolle tamén as actuacións de prevención e control tributarias desenvolvidas pola Xunta nas que, de media, cada traballador da Atriga detectou unha débeda de preto de 286.000 euros. Isto permitiu aflorar 99,8 millóns de euros de débeda non declarada no ano 2024, que permiten a financiación de servizos públicos esenciais como a sanidade, a educación ou os servizos sociais.