Volver ao contido

Novidades Novidades

Atrás

Plan xeral de control tributario 2022

Plan xeral de control tributario 2022

 

23.03.2022

 

Plan xeral de control tributario 2022

A Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) segue reforzando e avanzando na información e simplificando a asistencia aos contribuíntes para prestar uns servizos públicos máis accesibles, sinxelos e áxiles.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o 18 de marzo o Plan de control tributario do exercicio 2022, que reforza as liñas de actuación desenvolvidas pola Atriga desde a súa posta en marcha no ano 2013.

O Plan de control tributario da Axencia Tributaria de Galicia para o ano 2022 está composto polas directrices xerais de actuación e polos plans de xestión tributaria, inspección tributaria e recadación que, conforme ao disposto no artigo 116 da Lei xeral tributaria, teñen carácter reservado.

En cada un destes plans fíxanse as liñas de actuación que hai que executar e os obxectivos a alcanzar coa finalidade de contribuír a garantir a prestación dos servizos públicos a todos os cidadáns e potenciar o cumprimento voluntario das obrigas tributarias.

Neste marco, desde o mes pasado a Axencia Tributaria de Galicia habilitou a posibilidade de realizar nas súas delegacións o pago das autoliquidacións do Imposto de Sucesións e Doazóns, do Imposto de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados (ITP-AXD) e de vehículos usados por importe de ata 3.000 euros a través dun Terminal en Punto de Venda (TPV) físico.

Os cidadáns poden realizar este pago mediante tarxeta de crédito ou débito de calquera entidade bancaria –e sen comisión de utilización para o contribuínte- no mesmo momento no que están a realizar a presentación dos impostos e coa mesma cita que soliciten para ser atendidos de xeito presencial en calquera das cinco delegacións da Atriga (A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo).

Ademais, a Axencia Tributaria de Galicia tamén vai ampliar os medios de pago das débedas tributarias pois permitirá realizar o seu pago a través de xiro postal ou transferencia bancaria e porá en marcha unha nova aplicación informática para dispositivos móbiles (APP) coa finalidade de reforzar os canais de información e asistencia aos contribuíntes.