Volver ao contido

Notas de prensa Notas de prensa

Atrás

Os cidadáns galegos contan desde hoxe cun novo servizo para confeccionar a autoliquidación do modelo 620

Os cidadáns galegos contan desde hoxe cun novo servizo para confeccionar a autoliquidación do modelo 620

  • A Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) ofrece aos particulares que compren un vehículo de segunda man a realización da autoliquidación do Imposto pola transmisión onerosa de medios de transporte usados (modelo 620)
  • Os cidadáns que desexen acceder a este servizo deben solicitar cita previa na web da Atriga, e se non a teñen poderán ser atendidos sempre e cando existan postos libres para ese servizo

 

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2023.- Os galegos e galegas contan desde hoxe luns cun novo servizo para confeccionar a autoliquidación do Imposto pola transmisión onerosa de medios de transporte usados (modelo 620). A Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) ofrece aos compradores de vehículos usados que teñan a obriga de presentar este imposto que sexa o persoal da Axencia quen o confeccione.

 

Con este novo servizo, aberto só a compradores particulares, amplíanse as medidas para mellorar a información e a asistencia persoal aos contribuíntes galegos, tal e como se recolle no Plan de Control da Atriga para este ano.

 

As persoas que o desexen poden solicitar cita previa a través da páxina https://citaprevia.atriga.gal/ para que o persoal da Atriga lles confeccione a autoliquidación do modelo 620. No momento de solicitar a cita previa, poderase escoller entre ser atendido de forma presencial - nalgunha das cinco delegacións da Atriga onde se vai prestar o servizo- ou de forma telefónica. Así mesmo, os cidadáns que non teñan citan previa poderán ser atendidos de forma presencial sempre e cando existan postos libres para ese servizo.

 

Se o cidadán prefire facer o trámite a través do teléfono, terá que contar con medios informáticos que lle permitan achegar a documentación necesaria, así como descargar o documento unha vez feito, para poder presentalo despois nalgunha das oficinas da Atriga.

 

No caso de escoller a atención presencial, o contribuínte deberá acudir coa documentación necesaria, salvo que xa a aportase no momento no que solicitou a cita. Unha vez confeccionado o modelo, poderase pagar na propia delegación, se conta con tarxeta de débito ou crédito e o importe é inferior a 3.000€, e presentarse, sen necesidade de pedir nova cita.