A Xunta colabora con 36 funcionarios na campaña de atención telefónica para a elaboración da renda 2022 que comeza hoxe
- Os contribuíntes galegos xa se están a beneficiar das medidas de alivio fiscal postas en marcha en Galicia para loitar contra a suba de prezos
Santiago de Compostela, 5 de maio de 2023.- A Xunta colabora con 36 empregados públicos na campaña de atención telefónica para a elaboración da renda de 2022 que se inicia hoxe. A estes traballadores hai que sumarlle outros seis funcionarios da Administración galega que realizarán labores de coordinación.
Desas 36 persoas contratadas para reforzar o servizo de atención aos contribuíntes na Campaña da Renda 2022, dúas corresponden á cidade de Vigo; dúas á de Pontevedra; seis á de Coruña, Lugo, Ferrol e Santiago de Compostela, respectivamente; e oito á de Ourense.
A través das plataformas mixtas situadas en dependencias da AEAT nas sete grandes cidades galegas, os contribuíntes reciben axuda e asesoramento para facer a declaración do IRPF e a súa presentación a través de asistencia telefónica ou asistencia presencial.
Esta campaña de reforzo que comeza hoxe a través do ‘Plan Chamámoslle', abarcará tamén a asistencia presencial nas oficinas que comezará o vindeiro 1 de xuño. Ambas as dúas colaboracións rematan o 30 de xuño.
Novidades
Os contribuíntes galegos xa se benefician desde este mes de abril das medidas de alivio fiscal postas en marcha en Galicia para loitar contra a suba de prezos.
Neste sentido, entre as novidades a aplicar xa nesta declaración están a modificación da escala autonómica aplicable á base liquidable xeral do imposto sobre a renda das persoas físicas, reducindo os tramos de sete a cinco; a nova rebaixa do tipo aplicable ao tramo autonómico máis baixo do IRPF, que pasa do 9,4 ao 9%; a deflactación ao 4,3% da tarifa aplicable aos tres primeiros tramos da escala autonómica; e o incremento do mínimo persoal e familiar na mesma porcentaxe do 4,3%.
Tamén para o ano 2022, co fin de favorecer e propiciar o acollemento familiar, se modifica a dedución na cota do IRPF por acollemento, e suprímese o requisito da relación de parentesco entre o contribuínte e o menor en réxime de acollemento familiar.
Ademais, continúan vixentes as deducións aplicables na campaña do IRPF correspondente ao ano 2021 como a dedución por adquisición e rehabilitación de vivendas nos proxectos de aldeas modelo ou a modificación da dedución por investimento en empresas que desenvolvan actividades agrarias.
Así mesmo tamén seguen vixentes medidas de anos anteriores entre as que destacan as deducións por nacemento ou adopción de fillos, por familia numerosa, por acollemento de menores, por contribuíntes de 65 ou máis anos cunha discapacidade que precisen axudas de terceiras persoas, por gastos dirixidos ao uso de novas tecnoloxías, polo alugueiro da vivenda habitual para contribuíntes de idade menor ou igual a 35 anos, ou por rehabilitación de bens inmobles situados en centros históricos.