Volver ao contido

Imposto sobre Operacións Societarias

Existe obriga de declarar o imposto cando se realizan as seguintes operacións:

  1. A constitución, aumento e diminución de capital, fusión, escisión e disolución de sociedades.
  2. As achegas que efectúen os socios para repor perdas sociais.
  3. O traslado a España da sede de dirección efectiva ou do domicilio social dunha sociedade, cando nin unha nin outro estivesen previamente situados nun Estado membro da Comunidade Económica Europea, ou nestes a entidade non tivese sido gravada por un imposto similar ao regulado no presente Título.

A norma do imposto establece determinadas exencións no art. 45, que implican a non tributación por este imposto, pero que non evitan a obriga de presentar declaración. Merece ser destacada a exención do artigo 45.I.B. 11. relativa á constitución de sociedades, o aumento de capital, as achegas que efectúen os socios que non supoñan aumento de capital e o traslado a España da sede de dirección efectiva ou do domicilio social dunha sociedade cando nin unha nin outro estivesen previamente situados nun Estado membro da Unión Europea.

É suxeito pasivo deste imposto:

  1. Na constitución, aumento de capital, fusión, escisión, traslado de sede de dirección efectiva ou domicilio social e achegas dos socios para repor perdas, a sociedade.
  2. Na disolución de sociedades e redución de capital social, os socios, copropietarios, comuneiros ou partícipes polos bens e dereitos recibidos.

Cando se fala de sociedade, non so se está a referir a sociedades mercantís senón que tamén inclúe a: 

  1. As persoas xurídicas non societarias que persigan fins lucrativos.
  2. Os contratos de contas en participación.
  3. A copropiedade de buques.
  4. A comunidade de bens, constituída por actos inter vivos, que realice actividades empresariais.
  5. A mesma comunidade constituída ou orixinada por actos mortis causa, cando continúe en réxime de indivisión a explotación do negocio do causante por un prazo superior a tres anos.

O prazo para a presentación é de trinta días hábiles, a contar desde o seguinte a aquel no que se cause o acto ou contrato.

Para poder efectuar a presentación telemática deberá acceder á oficina virtual tributaria que se encontra na portada da nosa páxina web e dispoñer do certificado de usuario expedido pola FNMT-RCM ou por outras autoridades certificadoras admitidas pola Consellería de Facenda.

As especialidades desta forma de presentación son as seguintes:

  1. Para que se teña por realizada a presentación telemática destes impostos é necesario que previamente se realice o pagamento da cantidade resultante da autoliquidación. No caso contrario terase por non realizada a presentación.

    O pagamento das autoliquidacións a presentar de forma telemática poderá efectuarse das seguintes formas:
    • Mediante ingreso presencial da cantidade resultante da autoliquidación en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas por esta consellería para o cobramento de autoliquidacións presentadas telematicamente. O ingreso realizarase mediante o documento de ingreso que para estes efectos xerará a aplicación informática e imprimirá o usuario. Unha vez realizado o pagamento, a entidade colaboradora facilitará un número NRC identificativo do ingreso realizado, que será requirido posteriormente pola aplicación informática para completar a presentación.

      Neste suposto, a aplicación informática xerará dúas copias do documento de ingreso debidamente cuberto. Co devandito documento acudirase á entidade financeira colaboradora para a realización do pagamento, a cal se quedará co exemplar para a entidade colaboradora e devolverá ao contribuínte o exemplar para o interesado co selo da entidade, data do ingreso, número e importe, así como co NRC. O devandito documento servirá de xustificante de pagamento do número de autoliquidación imprimido neste.
    • Mediante pagamento telemático. O usuario accederá ás aplicacións específicas a través da páxina web da Consellería de Facenda e efectuará o pagamento das correspondentes autoliquidacións a través das entidades financeiras colaboradoras autorizadas por esta consellería para o pagamento telemático. A entidade financeira efectuará as comprobacións oportunas e aceptará ou rexeitará o cargo. En caso de ser aceptado o cargo, efectuará o aboamento na correspondente conta restrinxida de recadación de tributos e xerará un NRC por cada autoliquidación.

      Neste suposto, a aplicación informática xerará o recibo de cargo en conta que o contribuínte deberá imprimir e conservar, no que se identificará o número da conta que realiza o pagamento, data do ingreso, importe, NIF e nome do contribuínte, así como o NRC. O devandito documento servirá de xustificante de pagamento do número de autoliquidación imprimido neste
  2. A presentación da autoliquidación do imposto acreditarase mediante a impresión do documento (modelo 600) xerado pola aplicación informática, no que constarán os datos identificativos do suxeito pasivo, transmitente, presentador, datos do documento, datos do ben, operación ou acto e liquidación, así como o NRC xustificante do pagamento realizado, no seu caso. Ademais xerarase un código interno que permitirá asociar de forma inequívoca a autoliquidación presentada telematicamente coa imprimida polo contribuínte. Este documento acredita a presentación da autoliquidación así como a súa data. Tamén servirá como xustificante do pagamento realizado se consta neste o NRC xerado pola entidade financeira.
  3. Os xustificantes de pagamento e presentación sinalados nos parágrafos anteriores producirán os efectos liberatorios para coa Facenda da Comunidade Autónoma sinalados no Regulamento xeral de recadación e servirán de acreditación da presentación e pagamento da autoliquidación ante os rexistros públicos nos que poidan inscribirse os documentos que incorporen o feito ou negocio que motivou o pagamento do imposto.

    Os contribuíntes deberán conservar os xustificantes de pagamento e presentación. No caso de que a autoliquidación presentada non dea lugar a ingreso só devolverase a xustificación da presentación na forma salientada no punto 2 anterior.

Aquelas persoas que non desexen realizar a presentación telemática deste imposto ou ben non dispoñan da correspondente firma electrónica de acordo co establecido no artigo 9 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, poderán cumprir a súa autoliquidación utilizando o programa de axuda existente na páxina web desta consellería. Para estes efectos e unha vez introducidos os datos correspondentes, o sistema imprimirá catro exemplares do modelo 600 (exemplar para o interesado, exemplar para a Administración, talón de cargo e carta de pagamento), que serán válidos para a presentación do imposto de forma presencial nas oficinas xestoras desta consellería.

Salvo que o documento comprenda algún concepto suxeito á cota gradual do gravame de Actos Xurídicos Documentados, á que se refire o artigo 72 deste Regulamento, caso no cal será competente a oficina na circunscrición da cal radique o Rexistro no que debería procederse a a inscrición ou anotación, a regra xeral é que cando o acto ou documento se refira a operacións societarias a oficina competente sexa aquela na circunscrición da cal radique o enderezo fiscal da entidade.
 

Nas delegacións da Axencia Tributaria de Galicia, nas oficinas liquidadoras e nas oficinas de distrito hipotecario que lle corresponda deberá presentar a seguinte documentación: 

  1. Fotocopias dos D.N.I. o C.I.F. de tódolos interesados.
  2. Os documentos que comprendan os feitos impoñibles, en concreto a copia auténtica do documento notarial, xudicial ou administrativo en que conste o acto que orixine o tributo e unha copia simple deste, e no caso de non existir aqueles unha declaración.
  3. Modelo 600 de autoliquidación.

En caso de presentación telemática do imposto, a remisión dos documentos comprensivos dos feitos impoñibles poderase cumprir das seguintes formas:

  1. Presentación presencial de calquera documento: os obrigados tributarios deberán presentar os documentos comprensivos dos feitos impoñibles, en concreto a copia auténtica, acompañados de copia simple do documento notarial, xudicial e administrativo, o orixinal e copia do documento privado ou a declaración escrita substitutiva se o acto ou contrato non está incorporado ao documento, acompañada de copia do exemplar para o interesado do modelo 600, no prazo de 15 días hábiles seguintes ao pagamento e presentación das autoliquidacións.
  2. Presentación telemática dos documentos notariais:
    • No suposto de documento notarial, se o notario colabora na presentación, pagamento e remisión por vía telemática da autoliquidación do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados do suxeito pasivo, a remisión do documento notarial substituirase polo envío da ficha notarial. A aplicación informática da consellería enviará ao usuario un xustificante da presentación do documento, de acordo co modelo sinalado no anexo II, para a súa incorporación á matriz da escritura ou documento notarial por parte do notario autorizante.
    • No suposto de documento notarial, se a presentación telemática das autoliquidacións se realiza polo propio suxeito pasivo ou por calquera usuario, con excepción do notario autorizante do documento, a remisión telemática do documento notarial realizarase seguindo estes pasos:
      1. O obrigado tributario ou o seu representante comunicará ao notario autorizante a súa vontade de que o documento notarial sexa remitido por vía telemática á Consellería de Facenda. O notario procederá ao envío da ficha notarial, substitutiva do documento, no prazo de 10 días naturais contados a partir da súa formalización, e en todo caso sempre antes da finalización do prazo de presentación do imposto.
      2. O usuario procederá ao pagamento e a presentación telemáticos das autoliquidacións correspondentes ao imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, e sinalará na devandita presentación que o documento notarial foi enviado polo notario autorizante. Nese momento a aplicación informática da consellería enviará ao usuario un xustificante da presentación do documento.
      3. Se o usuario desexa que o notario autorizante do documento incorpore á matriz da escritura ou documento notarial o xustificante de presentación do documento comunicarallo, e este incorporará a autorización do usuario á ficha notarial remitida Neste caso a aplicación enviará ao notario o devandito xustificante para a súa incorporación.
      4. No suposto de que o obrigado tributario ou o seu representante non comunique ao notario autorizante a súa vontade de que o documento notarial sexa remitido por vía telemática á Consellería de Facenda, a remisión dos documentos comprensivos dos feitos impoñibles realizarase de forma presencial como sinala o apartado a) anterior.

O xustificante da presentación do documento ou da ficha notarial substitutiva, así como a súa incorporación ao documento notarial, servirá para acreditar a presentación deste ante a Administración tributaria para os efectos establecidos nos artigos 54º do Real decreto lexislativo 1/1993, do 24 de setembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, e 122º do Real decreto 828/1995, do 29 de maio, polo que se aproba o Regulamento do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados.

No imposto sobre operacións societarias, o contribuínte está obrigado a realizar a autoliquidación do imposto e ingresar as cantidades resultantes. Para isto deberá cumprimentar o modelo 600 .

Os modelos poderá adquirilos nas delegacións da Axencia Tributaria de Galicia, nas oficinas liquidadoras e nas oficinas de distrito hipotecario e nestes existen instrucións para a súa cumprimentación.

O tipo do imposto de operacións societarias é do 1%.

Aparte das posibles consecuencias derivadas da falta de presentación e ingreso, comúns a tódolos impostos, o imposto sobre operacións societarias posúe certas garantías para a súa presentación que convén ter en conta. Así, a súa non presentación pode implicar que:

  • os rexistros mercantís non admitirán para a súa inscrición ningún documento que conteña actos ou contratos suxeitos.
  • os documentos nos cales conste o feito impoñible non se admitirán nin terán efecto en oficinas ou rexistros públicos

Nota: Esta información ten carácter divulgativo e non recolle o contido íntegro do Real Decreto Lexislativo 1/1993, de 24 de setembro, polo que se aproba o Texto refundido da Lei do Imposto sobre Transmisións patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados (B.O.E. 20/10/1993), e no Real Decreto 828/1995, de 29 de maio, polo que se aproba o Regulamento do Imposto sobre Transmisións patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados (B.O.E. 22/6/1995). A estes efectos acompáñase o texto íntegro das normas antes citadas para a súa consulta.