Volver ao contido

Imposto sobre Actos Xurídicos Documentados. Documentos notariais

Estarían obrigados a presentar declaración por este imposto:

  1. os adquirentes de bens ou dereitos que documenten as súas adquisicións en documentos notariais.
  2. as persoas que insten ou soliciten documentos notariais.
  3. as persoas no interese das cales se expidan os documentos notariais. Cando se trate de escrituras de préstamo con garantía hipotecaria, considerarase suxeito pasivo ao prestamista

sempre e cando o documento cumpra tódolos seguintes requisitos: 

  1. se trate de primeiras copias de escrituras e actas notariais.
  2. teña por obxecto cantidade ou cosa valuable.
  3. conteña actos ou contratos inscritibles nalgún dos seguintes rexistros:
  • Rexistro da Propiedade
  • Rexistro Mercantil
  • Rexistro da Propiedade Industrial
  • Rexistro Bens Mobles
  1. non estea suxeita ao imposto sobre sucesións e doazóns, transmisións patrimoniais onerosas ou operacións societarias.

O prazo para a presentación é de un mes, contado desde a data de devindicación do imposto 

A presentación electrónica das autoliquidacións e, se é o caso, da documentación complementaria ten carácter obrigatorio para os obrigados tributarios seguintes:
a) As persoas xurídicas.
b) As entidades sen personalidade xurídica as que se refire o artigo 35.4 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria. 
c) As persoas que representen a un contribuínte que estea obrigado á presentación e pagamento electrónico.
d) As persoas ou entidades que, de acordo co que prevé o artigo 92 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, teñan a condición de colaboradores sociais na aplicación dos tributos e cumpran os requisitos e as condicións que estableza a normativa vixente.
 

A oficina competente será aquela en cuxa circunscrición radique o Rexistro no que debería procederse á inscrición ou anotación dos bens. 

A presentación do modelo de autoliquidación 600 poderase realizar presencialmente en  as delegacións da Axencia Tributaria de Galicia, oficinas liquidadoras ou oficinas de distrito hipotecario previa solicitude de cita previa  ou telemáticamente pola OVTributaria

A presentación telemática das autoliquidacións do imposto sobre actos xurídicos documentados (documentos notariais) realizarase pola OVTributaria Imposto sobre Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados, Presentación telemática. 
Nos supostos en que da autoliquidación practicada resulte un importe a ingresar, con carácter previo á súa presentación e sen prexuízo da posibilidade de solicitar un aprazamento ou fraccionamento, os obrigados tributarios realizarán, se é o caso, o pagamento da débeda tributaria.
o pagamento poderá realizarse ordenando a súa domiciliación, de acordo coa normativa vixente na materia, ou de calquera das formas que se indican a continuación:

a)    De forma presencial en calquera das entidades colaboradoras autorizadas para pagamentos presenciais con NRC, mediante o documento de ingreso que para estes efectos xerará a aplicación informática e imprimirá o usuario.
A aplicación informática xerará dúas copias do documento de ingreso debidamente cuberto. Co devandito documento acudirase á entidade financeira colaboradora para a realización do pagamento, a cal quedará co exemplar para a entidade colaboradora e devolverá ao obrigado tributario o exemplar para o interesado co selo da entidade, data do ingreso, número e importe, así como co NRC. O devandito documento servirá de xustificante de pagamento do número de autoliquidación impreso neste.
Para completar a presentación da autoliquidación, na aplicación informática, Operacións realizadas, deberá  incluír  o número NRC identificativo do ingreso que consta no documento facilitado pola entidade colaboradora. 

b)    De forma electrónica, o usuario accederá ás aplicacións específicas a través da OVT da Atriga e efectuará o pagamento da correspondente autoliquidación a través das entidades de crédito colaboradoras para tal efecto ou mediante tarxeta de crédito ou débito a través de sistemas de terminal de punto de venda (TPV) virtual a través da entidade de crédito adxudicataria do contrato en virtude do cal se preste o devandito servizo. A entidade efectuará as comprobacións oportunas e aceptará ou rexeitará a operación. No caso de ser aceptada efectuará o aboamento na correspondente conta restrinxida de recadación de tributos e xerará o correspondente NRC para completar a presentación electrónica da autoliquidación.
Unha vez realizado o pagamento, a aplicación informática xerará o recibo que o contribuínte deberá conservar, en que se identificará o número da conta que realiza o pagamento, data do ingreso, importe, NIF e nome do obrigado ao pagamento, así como o NRC. O devandito documento servirá de xustificante de pagamento do número de autoliquidación impreso neste.

Tamén poderá utilizar a domiciliación bancaria como medio de pagamento das débedas resultantes, sempre que a presentación da autoliquidación se leve a cabo por medios telemáticos. 
As contas designadas polos obrigados ao pagamento para o cargo do importe das débedas domiciliadas deberán cumprir as seguintes condicións:

a)  Ser de titularidade do obrigado ao pagamento.
b) Tratarse dunha conta á vista ou dunha conta de aforro que admita a domiciliación de pagamentos.
c) Estar abertas nunha entidade de crédito autorizada para actuar como colaboradora na xestión recadatoria da Atriga 

Carecerán de efectos as ordes de domiciliación en contas que non reúnan os requisitos anteriores, polo que o obrigado deberá responder ante a Atriga da posible falta de pagamento ou do pagamento fóra de prazo do importe domiciliado. 

O pagamento das débedas domiciliadas considerarase efectuado na data na que se produza o cargo na conta do obrigado, carecendo de efectos fronte á Atriga a data na que a entidade colaboradora valore contablemente a operación de cargo.
No caso de que na autoliquidación presentada se marcara a solicitude de aprazamento e fraccionamento será necesario que o obrigado tributario presente ante a Atriga a súa solicitude expresa na forma, lugar e prazo e cos requisitos e consecuencias sinaladas na normativa tributaria, sen que poida entenderse presentada a devandita solicitude coa mera presentación da autoliquidación coa devandita casa marcada. A non presentación desta solicitude nos  prazos establecidos para efectuar o pagamento da débeda tributaria en período voluntario determinará o inicio do período executivo e o pagamento esixirase a través do procedemento de constrinximento. 
 

 O obrigado tributario debe  presentar a seguinte documentación: 

  1. O documento en que se conteña ou constate o feito impoñible suxeito a gravame. No caso de documentos notariais, xudiciais ou administrativos, deberase presentar copia auténtica do documento. Se se trata de documentos privados, presentarase o orixinal destes.  Se o acto ou contrato non está incorporado no documento presentarase unha declaración escrita substitutiva.
  2. Modelo 600 de autoliquidación.
  3. No suposto de aplicarse algún dos beneficios fiscais que se indican a continuación, achegarase tamén a seguinte documentación:

a.    Tipos bonificados para a adquisición de vivenda habitual por discapacitados.
1º. Certificación ou resolución expedida polo órgano competente, referida á data de deivindicación do imposto, onde se acredite o grao de discapacidade e a data de efectos desta. Se a Comunidade Autónoma de Galicia fose competente para a súa expedición non será precisa a súa achega.
2º. En caso de pensionistas da Seguridade Social cunha pensión de incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez recoñecida e pensionistas de clases pasivas cunha pensión de xubilación ou retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade recoñecida, será suficiente con achegar o xustificante documental do recoñecemento das devanditas pensións.
3º. En caso de persoas cuxa incapacidade sexa declarada xudicialmente, aínda que non alcance o grao de discapacidade requirido para aplicarse o tipo bonificado, así como nos casos de dependencia severa e gran dependencia, sempre que estas últimas situacións fosen recoñecidas polo órgano competente, de acordo co establecido no artigo 28 da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, deberase achegar copia do documento xudicial ou certificación do órgano competente, respectivamente.
b.    Tipos bonificados para a adquisición de vivenda habitual por familias numerosas.
Título oficial en vigor establecido para o efecto na Lei 40/2003, do 18 de novembro, de protección ás familias numerosas. Se a Comunidade Autónoma de Galicia fose competente para a súa expedición non será precisa a súa achega.
En ningún caso será necesaria a achega do carné familiar galego a que se refire o parágrafo 3 do artigo 12 da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia.

Precísase cita previa  para a presentación presencial do imposto nas delegacións da Axencia Tributaria de Galicia, oficinas liquidadoras ou oficinas de distrito hipotecario .
En caso de presentación telemática do imposto, a remisión dos documentos comprensivos dos feitos impoñibles realizarase das seguintes formas:

A.    Presentación telemática de calquera documento, salvo os notariais: A través da OVTributaria, servizo "Presentación de documentación asociada"  no momento posterior á presentación. Se é colaborador social deberá presentar a documentación a través do mesmo servizo co perfil de colaborador  social e achegar a representación.

B.    Presentación telemática dos documentos notariais: 

1.    Cando por solicitude do obrigado tributario o notario autorizante colabore na presentación, pagamento e remisión por vía telemática da autoliquidación e documentación complementaria do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, remitirá o documento en formato electrónico que incorpore o feito ou negocio suxeito a tributación á consellería competente en materia de facenda. A aplicación informática da consellería emitirá unha dilixencia de presentación do documento, para a súa incorporación á matriz da escritura ou documento notarial por parte do notario autorizante.

2.    Se a presentación electrónica é realizada polo propio suxeito pasivo ou por un profesional actuando no seu nome, estes deberán solicitar ao notario autorizante a remisión en formato electrónico do documento que incorpore o feito ou negocio suxeito a tributación. O propio notario procederá ao envío deste documento no prazo de dez días naturais, contados a partir da súa formalización, e, en todo caso, antes da finalización do prazo de presentación da declaración tributaria correspondente.

O usuario sinalará a través da aplicación informática na devandita presentación que autorizou ao notario o envío do documento notarial. Aceptada a presentación da autoliquidación, a aplicación informática da consellería enviará ao usuario un xustificante da presentación do documento.
Se o usuario desexa que o notario autorizante do documento incorpore á matriz da escritura ou documento notarial a dilixencia de presentación do documento comunicarallo, e este incorporará a autorización do usuario á ficha notarial remitida. Neste caso a aplicación enviará ao notario o devandito xustificante para a súa incorporación.
 

No imposto sobre actos xurídicos documentados, documentos notariais (cota gradual), o contribuínte está obrigado a realizar a autoliquidación do imposto e ingresar as cantidades resultantes. Para iso deberá cubrir o modelo 600.

Se conta con certificado dixital ou DNI electrónico poderá realizar o pagamento e a presentación do imposto a través da OVTributaria  --- Cidadáns --- Imposto sobre Transmisións Patrimoniais e actos xurídicos documentados --- Presentación telemática, así como achegar a documentación a través do servizo "Presentación de documentación autoliquidacións". 

Se é colaborador social realizará a presentación do imposto e achega da documentación polo  perfil de colaboradores sociais e achegará a representación.

Se non ten certificado dixital ou DNI electrónico, o modelo 600 poderá adquirilo en calquera das oficinas ou estancos autorizados  ou ben obtelo a través OVTributaria (incluír unha link que remita a esta dirección https://ovt.atriga.gal/) --- Cidadáns --- Imposto sobre Transmisións Patrimoniais e actos xurídicos documentados ---Confección On-line. Se resulta cantidade a ingresar, antes de presentar a autoliquidación, deberá realizar o pagamento en calquera das entidades financeiras autorizadas. Para a presentación do imposto de forma presencial nas delegacións da Axencia Tributaria de Galicia, oficinas liquidadoras ou oficinas de distrito hipotecario precísase cita previa
 

O tipo do imposto é con carácter xeral do 1,5%.

Este tipo aplicarase sobre o valor declarado no documento, sen prexuízo da comprobación administrativa.

Para maior información acerca de todas as medidas aprobadas pola Comunidade Autónoma ver o resumo de medidas normativas aprobadas pola Comunidade Autónoma e beneficios fiscais.

Aparte das posibles consecuencias derivadas da falta de presentación e ingreso, comúns a tódolos impostos, o imposto de actos xurídicos documentados posúe certas garantías para a súa presentación que convén ter en conta. Así, a súa non presentación pode implicar que: 

  • os rexistros públicos non admitirán para a súa inscrición ningún documento que conteña actos ou contratos suxeitos.
  • os documentos nos cales conste o feito impoñible non se admitirán nin terán efecto en oficinas ou rexistros públicos

Tributarase por actos xurídicos documentados, documentos notariais, cota gradual, se se cumpren as condicións citadas anteriormente. Neste caso concreto será determinante se a compravenda tributou por IVE ou por Transmisións Patrimoniais Onerosas (TPO). No primeiro caso si habería que tributar por AXD, mentres que no segundo non, dada a incompatibilidade entre AXD (cota gradual) e TPO.

Os préstamos hipotecarios concedidos por entidades financeiras están suxeitos a IVE pero exentos, polo que tributan pola cota gradual de documentos notariais.

A base sobre a que se aplicaría o tipo sería a total responsabilidade hipotecaria e o obrigado ao pago é o prestamista.

Nota: Esta información ten carácter divulgativo e non recolle o contido íntegro do Real Decreto Lexislativo 1/1993, de 24 de setembro, polo que se aproba o Texto refundido da Lei do Imposto sobre Transmisións patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados (B.O.E. 20/10/1993), e no Real Decreto 828/1995, de 29 de maio, polo que se aproba o Regulamento do Imposto sobre Transmisións patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados (B.O.E. 22/6/1995)e da ORDE do 9 de decembro de 2020 pola que se aproban os diferentes modelos de autoliquidación do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados na Comunidade Autónoma de Galicia e se regula o procedemento e as condicións para o seu pagamento e presentación, así como determinadas obrigacións formais e de subministración de información tributaria. A estes efectos acompáñase o texto íntegro das normas antes citadas para a súa consulta.