Volver ao contido

Imposto sobre Transmisións Patrimoniais (compravenda de determinados medios de transporte usado entre particulares)

O imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, vén regulado no Real Decreto Lexislativo 1/1993, do 24 de setembro, polo que se aproba o Texto Refundido da lei do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, e no Real Decreto 828/1995, do 29 de maio, polo que se aproba o Regulamento do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados.

Teñen a obriga de declara-lo imposto aquelas persoas que adquiran vehículos (coches, embarcacións ou aeronaves) como consecuencia de transmisións onerosas por actos "inter vivos", sempre que ditos vehículos non se adquiran de empresarios ou profesionais no exercicio da súa actividade empresarial ou profesional, xa que neste caso a adquisición estaría gravada polo Imposto sobre o valor engadido (IVE).

Ex.: a compra dun coche a un concesionario está suxeita a IVE mentres que se se adquire de segunda man ao antigo titular, está suxeita ao Imposto sobre transmisións.

O prazo para a presentación é de un mes, contado desde a data de devindicación do imposto.
 

A presentación electrónica das autoliquidacións e, se é o caso, da documentación complementaria ten carácter obrigatorio para os obrigados tributarios seguintes:

  1. As persoas xurídicas.
  2. As entidades sen personalidade xurídica as que se refire o artigo 35.4 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria. 
  3. As persoas que representen a un contribuínte que estea obrigado á presentación e pagamento electrónico.
  4. As persoas ou entidades que, de acordo co que prevé o artigo 92 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, teñan a condición de colaboradores sociais na aplicación dos tributos e cumpran os requisitos e as condicións que estableza a normativa vixente.

Quedan exceptuadas da obriga de presentación telemática as autoliquidacións do modelo 620 nos casos en que non se poida obter a validación do vehículo da Dirección Xeral de Tráfico e nos casos en que o vehículo teña matrícula estranxeira, así como as complementarias dos modelos 620.
 

A oficina competente será a que corresponda á residencia do comprador.

A presentación do modelo de autoliquidación 620 poderase realizar presencialmente en  as Delegacións da Axencia Tributaria de Galicia, oficinas liquidadoras ou oficinas de distrito hipotecario previa solicitude de cita previa ou telemáticamente pola OVTributaria , así como achegar a documentación pola aplicación "Presentación de documentación autoliquidacións". 

A presentación telemática das autoliquidacións do Imposto sobre Transmisións Patrimoniais realizarase pola OVTributaria, Medios de Transporte Usados, Presentación telemática. 
Nos supostos en que da autoliquidación practicada resulte un importe a ingresar, con carácter previo á súa presentación e sen prexuízo da posibilidade de solicitar un aprazamento ou fraccionamento, os obrigados tributarios realizarán, se é o caso, o pagamento da débeda tributaria.
o pagamento poderá realizarse ordenando a súa domiciliación, de acordo coa normativa vixente na materia, ou de calquera das formas que se indican a continuación:

a)   De forma presencial en calquera das entidades colaboradoras autorizadas para pagamentos presenciais con NRC, mediante o documento de ingreso que para estes efectos xerará a aplicación informática e imprimirá o usuario.
A aplicación informática xerará dúas copias do documento de ingreso debidamente cuberto. Co devandito documento acudirase á entidade financeira colaboradora para a realización do pagamento, a cal quedará co exemplar para a entidade colaboradora e devolverá ao obrigado tributario o exemplar para o interesado co selo da entidade, data do ingreso, número e importe, así como co NRC. O devandito documento servirá de xustificante de pagamento do número de autoliquidación impreso neste.
Para completar a presentación da autoliquidación, na aplicación informática, Operacións realizadas, deberá  incluír  o número NRC identificativo do ingreso que consta no documento facilitado pola entidade colaboradora. 

b)    De forma electrónica, o usuario accederá ás aplicacións específicas a través da OVT da Atriga e efectuará o pagamento da correspondente autoliquidación a través das entidades de crédito colaboradoras para tal efecto ou mediante tarxeta de crédito ou débito a través de sistemas de terminal de punto de venda (TPV) virtual a través da entidade de crédito adxudicataria do contrato en virtude do cal se preste o devandito servizo. A entidade efectuará as comprobacións oportunas e aceptará ou rexeitará a operación. No caso de ser aceptada efectuará o aboamento na correspondente conta restrinxida de recadación de tributos e xerará o correspondente NRC para completar a presentación electrónica da autoliquidación.
Unha vez realizado o pagamento, a aplicación informática xerará o recibo que o contribuínte deberá conservar, en que se identificará o número da conta que realiza o pagamento, data do ingreso, importe, NIF e nome do obrigado ao pagamento, así como o NRC. O devandito documento servirá de xustificante de pagamento do número de autoliquidación impreso neste.

Tamén poderá utilizar a domiciliación bancaria como medio de pagamento das débedas resultantes, sempre que a presentación da autoliquidación se leve a cabo por medios telemáticos. 
As contas designadas polos obrigados ao pagamento para o cargo do importe das débedas domiciliadas deberán cumprir as seguintes condicións:

a) Ser de titularidade do obrigado ao pagamento.
b) Tratarse dunha conta á vista ou dunha conta de aforro que admita a domiciliación de pagamentos.
c) Estar abertas nunha entidade de crédito autorizada para actuar como colaboradora na xestión recadatoria da Atriga 

Carecerán de efectos as ordes de domiciliación en contas que non reúnan os requisitos anteriores, polo que o obrigado deberá responder ante a Atriga da posible falta de pagamento ou do pagamento fóra de prazo do importe domiciliado. 

O pagamento das débedas domiciliadas considerarase efectuado na data na que se produza o cargo na conta do obrigado, carecendo de efectos fronte á Atriga a data na que a entidade colaboradora valore contablemente a operación de cargo.

No caso de que na autoliquidación presentada se marcara a solicitude de aprazamento e fraccionamento será necesario que o obrigado tributario presente ante a Atriga a súa solicitude expresa na forma, lugar e prazo e cos requisitos e consecuencias sinaladas na normativa tributaria, sen que poida entenderse presentada a devandita solicitude coa mera presentación da autoliquidación coa devandita casa marcada. A non presentación desta solicitude nos  prazos establecidos para efectuar o pagamento da débeda tributaria en período voluntario determinará o inicio do período executivo e o pagamento esixirase a través do procedemento de constrinximento. 

O obrigado tributario debe  presentar a seguinte documentación: 

  1. O documento en que se conteña ou constate o feito impoñible suxeito a gravame. No caso de documentos notariais, xudiciais ou administrativos, deberase presentar copia auténtica do documento. Se se trata de documentos privados, presentarase o orixinal destes.  Se o acto ou contrato non está incorporado no documento presentarase unha declaración escrita substitutiva.
  2. En caso de transmisión de vehículos, deberase achegar a ficha técnica e o permiso de circulación, e, no caso de transmisión de embarcacións, a copia da folla de asento no Rexistro de Embarcacións da Capitanía Marítima ou licenza de navegación.
  3. Modelo 620.

 

No imposto sobre transmisións patrimoniais onerosas, o contribuínte está obrigado a realizar a autoliquidación do imposto e ingresar as cantidades resultantes. Para iso deberá cubrir o modelo 620.

Se conta con certificado dixital ou DNI electrónico poderá realizar o pagamento e a presentación do imposto a través da OVTributaria  --- Cidadáns --- Medios de Transporte Usados --- Presentación telemática, así como achegar a documentación a través do servizo "Presentación de documentación autoliquidacións". 

Se é colaborador social realizará a presentación do imposto e achega da documentación polo  perfil de colaboradores sociais e achegará a representación.

Se non ten certificado dixital ou DNI electrónico, o modelo 620 poderá adquirilo en calquera das oficinas ou estancos autorizados  ou ben obtelo a través OVTributaria --- Cidadáns --- Medios de Transporte Usados ---Confección On-line. Se resulta cantidade a ingresar, antes de presentar a autoliquidación, deberá realizar o pagamento en calquera das entidades financeiras autorizadas . Para a presentación do imposto de forma presencial nas Delegacións da Axencia Tributaria de Galicia, oficinas liquidadoras ou oficinas de distrito hipotecario precísase  cita previa.
 

O tipo aplicable sobre a base impoñible de vehículos é o 8 %. 

No imposto sobre transmisións patrimoniais onerosas, o tipo de gravame aplicable ás transmisións de embarcacións de recreo e motores mariños será do 1% (artigo 15.6 do Decreto Lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado).

Os tipos anteriores aplicaranse sobre o valor do ben. A efectos deste imposto considerarase valor dos bens o seu valor de mercado. Con todo, se o valor declarado polos interesados, o prezo ou contraprestación pactada ou ambos son superiores ao valor de mercado, a maior desas magnitudes tomarase como base impoñible. Entenderase por valor de mercado o prezo máis probable polo cal podería venderse, entre partes independentes, un ben libre de cargas.

Para coñecer o valor fiscal dos vehículos de turismo e embarcacións pode utilizar as táboas de valores aprobadas polo Ministerio de Facenda. Na modalidade de transmisións patrimoniais onerosas do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, a cota tributaria correspondente á transmisión de automóbiles turismo e todoterreos, cun uso igual ou superior a quince anos, será a seguinte:

Cilindrada do vehículo
(centímetros cúbicos)  

  Cota
(euros)

Ata 1.199 22
De 1.200 a 1.599   38


   

Ademáis das posibles consecuencias derivadas da falta de presentación e ingreso, comúns a todos os impostos, o imposto sobre transmisións patrimoniais onerosas de vehículos posúe certas garantías para a súa presentación que convén ter en conta. Así a súa non presentación pode implicar que non se admita na dirección xeral de tráfico, ou no rexistro correspondente de embarcacións, o cambio de titular.

Nota: Esta información ten carácter divulgativo e non recolle o contido íntegro do Real Decreto Lexislativo 1/1993, de 24 de setembro, polo que se aproba o Texto refundido da Lei do Imposto sobre Transmisións patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados (B.O.E. 20/10/1993), do Real Decreto 828/1995, de 29 de maio , polo que se aproba o Regulamento do Imposto sobre Transmisións patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados (B.O.E. 22/6/1995) e da ORDE do 9 de decembro de 2020 pola que se aproban os diferentes modelos de autoliquidación do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados na Comunidade Autónoma de Galicia e se regula o procedemento e as condicións para o seu pagamento e presentación, así como determinadas obrigacións formais e de subministración de información tributaria A estes efectos acompáñase o texto íntegro das normas antes citadas para a súa consulta.