Volver ao contido

Orde do 30 de xuño de 1992, pola que se regula o procedemento de recadación voluntaria das taxas da comunidade autónoma de Galicia a través de entidades financeiras . (1) (D.O.G. nº 125 de 1 de xullo de 1992)

(1) As referencias á Lei 13/1991, de 9 de decembro de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, así como ó Decreto lexislativo 1/1992, do 11 de abril, polo que se aproba o texto articulado das bases contidas no capítulo 3º do título II desta, entenderanse realizadas á Lei 6/2003, de 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

Sumario

| |

O Decreto lexislativo do Consello da Xunta de Galicia 1/1992, de 11 de abril, polo que se aproba o texto articulado das bases contidas no capítulo 3º do Título II da Lei 13/1991, de 9 de decembro de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, establece no seu título primeiro articulo 9.3: "O pago das taxas efectuarase mediante ingreso no Tesouro da Facenda Galega, de acordo coas modalidades que regulamentariamente se establezan". No seu artigo 10.2 engade: "Os suxeitos pasivos estarán obrigados a autoliquidar as taxas e ingresar o seu importe no Tesouro da Facenda Galega en aqueles supostos en que a proposta da Consellería de Economía e Facenda regulamentariamente se determinen". Por último, na súa disposición final faculta á Xunta de Galicia para desenvolver regulamentariamente, á proposta do conselleiro de Economía e Facenda, o texto articulado do citado decreto lexislativo. En uso desta habilitación aprobouse polo Consello da Xunta de Galicia o Decreto 172/1992, de 26 de xuño, de normas para a xestión, liquidación, recadación das taxas e prezos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, que dedica o seu título segundo, capítulo I, ó desenvolvemento regulamentario da recadación en período voluntario, establecendo no seu artigo 11.1: "O pagamento das débedas poderá realizarse a través das contas restrinxidas de recadación existentes nas entidades colaboradoras autorizadas ó efecto polo conselleiro de Economía e Facenda"; e autorizando, na súa disposición adicional primeira, á Consellería de Economía e Facenda, para ditar as disposicións necesarias para a aplicación do citado decreto.

A esta finalidade responde a presente orde, mediante a cal se establece o procedemento a seguir para a recadación en período voluntario, cando esta se realice a través de entidades financeiras autorizadas, mediante un sistema de contas restrinxidas con ámbito territorial provincial.

No uso das atribucións conferidas pola disposición adicional primeira do Decreto 172/1992, de 26 de xuño, de normas para a xestión, liquidación, recadación das taxas e prezos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, a proposta da Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro,

DISPONGO

Primeiro

A xestión recadatoria en período voluntario das taxas e exaccións da Comunidade Autónoma de Galicia, que teña que realizarse a través de entidades financeiras, queda encomendada ás delegacións da Consellería de Economía e Facenda das capitais de provincia.

Segundo (2)

(2) Debe entenderse derrogado pola Orde da Consellería de Economía e Facenda do 31 de xullo de 1997 pola que se regula o procedemento de presentación centralizada de ingresos polas entidades colaboradoras (D.O.G. nº 157, do 18 de agosto de 1997).

Terceiro (3)

(3) Debe entenderse derrogado pola Orde da Consellería de Economía e Facenda do 31 de xullo de 1997 pola que se regula o procedemento de presentación centralizada de ingresos polas entidades colaboradoras (D.O.G. nº 157, do 18 de agosto de 1997).

Cuarto

Os ingresos realizaranse en calquera oficina da rede das entidades financeiras autorizadas, estas canalizarán ditos ingresos á oficina na que este aberta a conta restrinxida da recadación centralizada correspondente á provincia na que radique o servizo ou organismo xestor da taxa.

Quinto

Os ingresos efectuados nas entidades financeiras autorizadas surtirán efectos ante a Administración da Comunidade Autónoma na data na que se realizaron na oficina receptora do ingreso.

Sexto (4)

Unha vez efectuado o ingreso, na entidade financeira dos exemplares que consta no documento de ingreso ou autoliquidación, entregará ó presentador o exemplar destinado ó interesado e o exemplar destinado á Administración, conservando no seu poder o resto dos exemplares.

O interesado deberá presentar seguidamente o exemplar destinado á Administración no servizo administrativo correspondente no que se efectúe a solicitude do servizo obxecto do ingreso.

A recadación das contas restrinxidas centralizadas pecharase por períodos mensuais, o último día laborable do mes, recollendo tódolos ingresos que no devandito período se produciran na súa rede de oficinas.

Dentro dos quince días seguintes ó fin de cada mes, a entidade financeira entregará no Servizo de Recadación as relacións de ingresos, anexos VI e VII, producidos no mes anterior acompañado dos mandamentos de ingreso, modelo TP01. (Redacción dada polo parágrafo 1 do punto 1 do artigo 9 da Orde do 29 de xuño de 1994)

O mesmo tempo, as entidades financeiras entregarán nos servizos xestores das taxas e exaccións as relacións que lles correspondan por duplicado exemplar.

(4) Os parágrafos en cursiva deben entenderse derrogados pola Orde da Consellería de Economía e Facenda de 31 de xullo de 1997 pola que se regula o procedemento de presentación centralizada de ingresos polas entidades colaboradoras (D.O.G. nº 157, do 18 de agosto de 1997).

Sétimo (5)

(5) Debe entenderse derrogado pola Orde da Consellería de Economía e Facenda de 31 de xullo de 1997 pola que se regula o procedemento de presentación centralizada de ingresos polas entidades colaboradoras (D.O.G. nº 157, do 18 de agosto de 1997).

Oitavo

As entidades financeiras antes de admitir os ingresos comprobarán que no documento que se aporte para efectuar o ingreso figuren consignados os seguintes datos:

  1. Consellería, delegación provincial e servizo.
  2. Clave e denominación da taxa.
  3. Nome e apelidos ou razón social, domicilio e D.N.I. ou N.I.F. do suxeito pasivo.
  4. Sinatura.

A entidade financeira non responderá da exactitude dos datos consignados polo suxeito pasivo, salvo D.N.I. ou N.I.F., que comprobará mediante o exame do documento acreditativo correspondente, que deberá ser exhibido por quen presente o documento de liquidación do ingreso.

Verificada de conformidade a comprobación referida no apartado anterior, a entidade procederá a estender sobre todos os exemplares do documento de liquidación do ingreso, os datos que deixen acreditado o pago realizado polo suxeito pasivo, ben por medios de impresión contable mecanizada ou de forma manual coa sinatura autorizada, que en todo caso expresarán total ingresado en conta restrinxida, clave da entidade, oficina, selado e data na que se produce o ingreso.

Noveno

Os servizos de tesourería das delegacións da Consellería de Economía e Facenda efectuarán o seguimento da actividade recadatoria das entidades financeiras nas que se abran as contas restrinxidas de recadación.

Décimo

Autorízase á Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro, á Dirección Xeral de Tributos e á Intervención Xeral, para ditar no ámbito das súas funcións, as resolucións necesarias para a súa aplicación.

DISPOSICIÓN DERRADEIRA

A presente orde entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela a 30 de xuño de 1992.
José Antonio Orza Fernández
Conselleiro de Economía e Facenda.

Data publicación

26/10/2008

Tipo de disposición

Orde

Tipo de Contido

Ordenación

Estado

Vixente

Orixe

Autonómica