Volver ao contido

Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, polo que se aproba o réxime de prezos das escolas infantís 0-3 dependentes da Consellería de Traballo e Benestar

O Estatuto de Autonomía de Galicia, no seu artigo 44.4 establece que a facenda da Comunidade Autónoma está constituída, entre outros rendementos, polos procedentes da prestación de servizos directos pola Comunidade Autónoma, sexan de propia creación ou como consecuencia de traspasos de servizos estatais. Pola súa vez, a Lei Orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas pronunciase no mesmo sentido.

O Decreto 335/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar no Título I, ámbito competencial e organización xeral da consellería, artigo 1, recolle, entre outras, como competencias da Consellería de Traballo e Benestar os servizos sociais, incluíndo as políticas de familia e menores.

O artigo 14 do Decreto Lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, dispón que constitúen dereitos económicos da Facenda Pública Galega, entre outros, o importe dos prezos derivados dos servizos prestados pola Comunidade.

A Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, establece no seu capítulo 2 título II o réxime xeral de xestión, recadación e recursos en materia de prezos públicos. O artigo 47 da mencionada lei sinala que os prezos públicos serán fixados por decreto, por proposta da consellería da que dependa o órgano ou entidade oferente.

Dado que os prezos públicos das escolas infantís 0-3 non sufriron actualización algunha dende a entrada en vigor do Decreto 70/2002, do 28 de febreiro, polo que se aproba o réxime de prezos dos centros de atención á primeira infancia dependentes da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, é preciso proceder á modificación das cotas para acomodalas á situación actual.

Por todo o que antecede, en virtude das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa presidencia, por proposta da conselleira de Traballo e Benestar, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezanove de xaneiro de dous mil doce.

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Apróbanse as contías dos prezos públicos correspondentes aos servizos prestados nas escolas infantís 0-3 dependentes da Consellería de Traballo e Benestar, que figuran no anexo do presente Decreto.

Os prezos públicos establecidos no anexo actualizaranse cada curso escolar na mesma proporción que a variación interanual positiva experimentada polo índice xeral de prezos de consumo para a Comunidade Autónoma de Galicia (IPC) no mes de xuño anterior, mediante resolución, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, da persoa titular da Secretaría Xeral de Política Social.

Artigo 2. Suxeitos obrigados

Están obrigados ao pagamento das cantidades que se establecen como prezo, as/os nais/pais dos nenos e das nenas en situación de alta nos centros sinalados no artigo anterior, no seu defecto, os/as familiares ou titores/as legais a quen corresponda o exercicio da patria potestade.

Artigo 3. Pagamento

  1. O pagamento das cotas, sen prexuízo do establecido no artigo 5 deste Decreto, realizarase mensualmente nos dez primeiros días naturais do mes ao que correspondan. Nos casos en que o ingreso no centro se produza con posterioridade ao día primeiro do mes, a cota correspondente a dito mes ingresarase nos dez días naturais seguintes á data de ingreso.
  2. No caso de utilizar o servizo de comedor por días soltos, realizarase o pagamento deste servizo xunto coa cota do mes seguinte.
  3. Salvo o disposto no artigo 5 deste Decreto, a falta de asistencia da nena ou do neno ao centro non supón redución nin exención da cota mentres non se formalice a baixa correspondente.
  4. A falta de pagamento de dúas mensualidades consecutivas ou tres alternas, sen prexuízo da súa esixencia polo procedemento administrativo de constrinximento, orixinará a perda do dereito á praza.

Artigo 4. Regras e definicións para a determinación do importe a pagar

Para a determinación do importe mensual a pagar polas persoas obrigadas ao pagamento dos prezos públicos determinados no anexo deste decreto teranse en conta as especificacións recollidas no dito anexo. Para os efectos da aplicación do anexo, a renda per cápita mensual da unidade familiar, computarase segundo as seguintes regras:

  1. Entenderase por unidade familiar a formada polos cónxuxes non separados legalmente e:
    1. os/as fillos/as menores, con excepción dos que, con consentimento dos/as pais/nais, vivan independentes destes/as.
    2. os/as fillos/as maiores de idade incapacitados xudicialmente suxeitos á patria potestade prorrogada ou rehabilitada.
    3. os/as fillos/as maiores de dezaoito anos discapacitados cun grao de minusvalía superior ao 33 por cento.
    A determinación dos membros da unidade familiar realizarase atendendo á situación existente a 31 de decembro do ano ao que se refiran os datos económicos aos que se refiren as seguintes regras.
  2. Tomarase o importe dos ingresos totais da unidade familiar, que será o resultado da agregación das rendas do exercicio anterior a aquel en que dea comezo o curso escolar no cal se pretenda que produza efectos de cada un dos membros da unidade familiar, calculadas por agregación da base impoñible xeral coa base impoñible do aforro, calculadas segundo os criterios establecidos na normativa do imposto sobre a renda das persoa físicas.
    O importe dos ingresos totais da unidade familiar será acreditado, mediante a presentación das copias certificadas pola Administración tributaria das declaracións do IRPF ou a certificación de ingresos das persoas que non presentasen as declaracións do IRPF.
    A documentación anterior poderá ser substituída pola correspondente autorización á administración con competencia en materia de escolas infantís 0-3 para obter os datos necesarios para determinar os ingresos totais para estes efectos a través das correspondentes administracións tributarias.
  3. O importe anterior dividirase polo número de membros computables da unidade familiar. No caso de familias monoparentais, incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a unidade familiar. Entenderase por familia monoparental a unidade familiar á que se refire a letra a) cando formara parte dela un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa coa que manteña unha relación análoga á conxugal e sempre que o outro proxenitor ou proxenitora non contribúa economicamente ao seu sustento.
  4. A renda per cápita mensual será o resultado de dividir o importe anterior por doce.

Artigo 5. Suspensión temporal da cota

  1. Os suxeitos obrigados aos que fai referencia o artigo 2, non terán a obriga de aboar a cota correspondente á atención educativa e ao servizo de comedor durante os seguintes períodos:
    1. O mes de vacacións anual da/o nena/o.
    2. Cando por calquera motivo distinto ao período de vacacións anuais o centro permaneza pechado por un período superior a quince días naturais.
    En ambos os dous casos a suspensión realizarase de oficio.
  2. Os suxeitos obrigados aos que fai referencia o artigo 2, non terán a obriga de aboar a cota correspondente ao servizo de comedor no seguinte suposto:
    1. Cando por causa debidamente xustificada a/o nena/o deixe de asistir temporalmente ao centro. Neste caso, a suspensión da cota terá lugar dende o primeiro día do mes natural seguinte á data de inasistencia ao centro e durará ata o día primeiro do mes natural en que teña lugar a reincorporación da/o nena/o ao centro.

Non obstante, se a reincorporación se produce con posterioridade ao día 15 do mes, a cota do comedor correspondente a dito mes reducirase nun 50 por cento.

A solicitude de suspensión da cota correspondente a este servizo, xunto coa acreditación documental da circunstancia que a motiva, deberá presentarse ante a/o xefa/e territorial correspondente, que resolverá sobre a procedencia da exención.

Nos casos de suspensión temporal da cota correspondente ao servizo de comedor, o pagamento correspondente ao mes de reincorporación realizarase no prazo dos dez días naturais seguintes á data de reincorporación. Así mesmo, nos casos en que a/o xefa/e territorial acorde a non procedencia da suspensión solicitada, o suxeito obrigado deberá ingresar as cotas atrasadas no prazo dos dez días naturais seguintes á notificación da resolución denegatoria.

Disposición derrogatoria

Única. Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto no presente Decreto, e, en particular o Decreto 70/2002, do 28 de febreiro, polo que se aproba o réxime de prezos dos centros de atención á primeira infancia dependentes da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Disposicións finais

Primeira. Autorízase á Consellería de Traballo e Benestar para ditar as normas que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación do presente decreto.

Segunda. Os prezos públicos establecidos no presente decreto serán de aplicación nas escolas infantís dependentes da Consellería de Traballo e Benestar dende o día 1 de setembro de 2012.

Terceira. O presente Decreto entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de xaneiro de dous mil doce.

Alberto Núñez Feijoo
Presidente da Xunta de Galicia

 

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

ANEXO

  1. PREZOS VIXENTES PARA O CURSO 2011-2012
  2. PREZOS VIXENTES PARA O CURSO 2012-2013

Data publicación

05/03/2012

Tipo de disposición

Decreto

Tipo de Contido

Regulamento

Estado

Vixente

Orixe

Autonómica