Volver ao contido

Guía do Imposto sobre Sucesións e Doazóns

    O Imposto sobre sucesións e doazóns, é un tributo de natureza directa e subxectiva, que grava os incrementos patrimoniais obtidos a titulo lucrativo por persoas físicas. Encóntrase regulado pola Lei 29/1987, do 18 de decembro, do imposto sobre sucesións e doazóns, e polo Real Decreto 1629/1991, do 8 de novembro polo que se aproba o regulamento do imposto sobre sucesións e doazóns.

    O obxectivo deste imposto é gravar os incrementos de patrimonio que se producen, normalmente, como consecuencia de herdanzas e doazóns, así como os seguros de vida nos que o contratante sexa persoa distinta do beneficiario. É un imposto incompatible co imposto sobre a renda das persoas físicas polo que a renda gravada polo imposto de sucesións non se someterá ao I.R.P.F.

    Grávase o adquirido por cada suxeito pasivo, tomando como base, no caso das herdanzas, o patrimonio neto do causante, é dicir, os seus bens menos as cargas, débedas e gastos.

    As súas características principais son as seguintes:

  • Ten un marcado carácter persoal e subxectivo, xa que ten en conta as circunstancias persoais do suxeito pasivo. Así, favorece as transmisións hereditarias entre familiares, outorgando importantes reducións canto máis próximo sexa o parentesco ou reducións en función da minusvalía do adquirinte.
  • Favorece a transmisión de determinados bens como a vivenda habitual, empresas individuais, participacións en entidades ou bens integrantes do patrimonio histórico.
  • É un imposto progresivo, xa que ademais de ter unha escala de gravame progresiva, posúe un coeficiente multiplicador en función do parentesco e do patrimonio preexistente do suxeito pasivo.

Teñen a obriga de declarar o imposto aquelas persoas físicas que adquiran bens e dereitos por:

  1. Herdanza, legado ou calquera outro título sucesorio (ex. Apartación ou pacto de mellora)
  2. Doazón ou calquera outro negocio gratuíto
  3. Seguros sobre a vida cando o contratante sexa persoa distinta do beneficiario.
  1. Cando se trate de adquisicións por causa de morte (herdanzas e legados) , incluídas as dos beneficiarios de contratos de seguro de vida, o prazo será de seis meses, contados desde o día do falecemento do causante ou desde aquel en que adquira firmeza a declaración de falecemento.
  2. No caso de consolidacións do dominio no nó propietario por falecemento do usufrutuario cando deban tributar polo imposto sobre sucesións e doazóns, aínda que a desmembración do dominio se realizase por actos «inter vivos», o prazo será de seis meses a contar desde o día do falecemento do usufrutuario ou desde aquel en que adquira firmeza a declaración de falecemento.
  3. Nas adquisicións por causa de morte, nas que non se produza o falecemento do transmítente (pactos sucesorios), o prazo é dun mes, a contar desde o día seguinte a aquel en que se formalice o acto ou contrato.
  4. Nos demais supostos (doazóns), o prazo será dun mes, a contar desde o día seguinte a aquel en que se cause o acto ou contrato, salvo no caso da declaración- documento sucesorio para o que non existe prazo de presentación.

A presentación electrónica das autoliquidacións e declaracións e, se é o caso, da documentación complementaria, ten carácter obrigatorio para as persoas ou entidades que, de acordo co que prevé o artigo 92 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, ostenten a condición de colaboradores sociais na aplicación dos tributos e cumpran os requisitos e as condicións que estableza a normativa vixente.
No resto dos casos a presentación poderá ser presencial ou electrónica.
 

A oficina competente virá determinada pola  operación da que se trate. Así, poden darse os seguintes supostos:

  1. Se adquire bens e dereitos por causa de morte a oficina será a correspondente ao territorio onde o causante (falecido/apartante/mejorante) ten a súa residencia habitual.
  2. Se adquire bens e dereitos por doazón ou calquera outro negocio gratuíto distinguirase segundo trátese de: 
  • Bens inmobles: a oficina será a correspondente ao territorio onde se atope o ben
  • Outros bens: a oficina será a correspondente ao territorio onde o suxeito pasivo teña a súa residencia habitual.

A presentación do modelo de autoliquidación 650 (Imposto sobre Sucesións) ou 651 (Imposto sobre Doazóns) poderase realizar presencialmente en  as delegacións da Axencia Tributaria de Galicia, oficinas liquidadoras ou oficinas de distrito hipotecario  previa solicitude de cita previa

Se dispón de certificado dixital ou DNI electrónico tamén pode presentar as autoliquidacións do imposto e a documentación telemáticamente:  

  • Para o Imposto sobre Sucesións, a través do programa ALIS (Axuda á liquidación do Imposto de Sucesións)  en   a OVTributaria.
  • Para doazóns, a través da OVTributaria

Achegarase a documentación pola aplicación "Presentación de documentación autoliquidacións"
 

5.1 Documentación- Adquisición por causa de morte

5.2  Documentación- Doazóns

5.3 Presentación

A.    Documentación- Adquisicións por causa de morte
O obrigado tributario debe  presentar a seguinte documentación: 

1.    Documentación xeral:

I.    Modelo 650 e modelo D650 que conteña a relación de bens transmitidos; este último non será preciso cando a autoliquidación se confeccione a través do programa de axuda ALISe, ou ben cando se trate de adquisicións mortis causa nas que non se produza o falecemento do transmítente, de adquisicións do usufruto que consoliden o pleno dominio e autoliquidacións parciais.
II.    En caso de pactos sucesorios deberase achegar a copia auténtica do documento notarial no que conste a devandita transmisión.
III.    Certificacións de defunción do causante.
IV.    Certificación do Rexistro Xeral de Actos de Última Vontade (información na páxina web do Ministerio de Xustiza, trámites e xestións persoais).
V.    Testamento ou copia autorizada do mesmo se o houber e, na súa falta, acta de notoriedade ou testemuño xudicial da declaración de herdeiros, segundo proceda. Se non estivese feita esta declaración, presentarase xustificante documental do parentesco sinalado na relación de presuntos herdeiros recollida na declaración dos modelos D650.
En caso de parellas de feito, deberase achegar certificado de estar rexistrado no Rexistro de Parellas de feito de Galicia na que conste a data de inscrición no devandito rexistro expresando a súa vontade de equiparar os seus efectos aos do matrimonio.
VI.    Un exemplar dos contratos de seguro concertados polo causante ou certificación expedida pola Entidade aseguradora no caso de seguro colectivo, onde conste a data de contratación, os beneficiarios e o importe para percibir. Así como, un certificado de contratos de seguro de cobertura de falecemento.
VII.    Xustificación documental do título de adquisición dos bens inmobles incluídos na sucesión e copia do último recibo do imposto sobre bens inmobles (IBI) ou, na súa falta, certificación catastral do inmoble onde conste a referencia catastral. Non será necesaria a súa presentación cando a referencia catastral conste no título de adquisición.
VIII.    Certificado que acredite o número de conta, os titulares, o saldo á data de defunción e o maior saldo do último ano anterior á devandita data, das contas en entidades financeiras representativas de:


1º Depósitos en conta corrente ou de aforro, á vista ou a prazo, contas financeiras e outros tipos de imposicións en conta.
2º Débeda pública, obrigacións, bonos e demais valores equivalentes, negociados en mercados organizados.
3º Accións e participacións no capital social ou no fondo patrimonial de Institucións de Investimento Colectivo (Sociedades e Fondos de Investimento), negociadas en mercados organizados.
4º Accións e participacións no capital social ou nos fondos propios de calquera outras entidades xurídicas, negociadas en mercados organizados.


IX.    Certificación expedida polo presidente, secretario ou administrador da sociedade, que acredite o número de títulos propiedade do causante e o seu valor teórico á data de devindicación de participacións no capital social de entidades que non cotizan en bolsa.
X.    En caso de vehículos, a ficha técnica e o permiso de circulación. En caso de embarcacións, copia da folla de asento no rexistro de embarcacións da Capitanía Marítima ou licenza de navegación.
XI.    Xustificación documental das cargas, gravames, débedas e gastos dos que se solicite a dedución.
XII.    En caso de contribuíntes pertencentes aos grupos III e IV a que se refire o artigo 20.2.a) da Lei 29/1987, de 18 decembro, do imposto sobre sucesións e doazóns, deberán presentar unha relación do seu patrimonio preexistente na data de devindicación do imposto, valorado conforme as normas do imposto sobre o patrimonio. Esta declaración poderá substituírse por unha copia da declaración do devandito imposto no exercicio anterior ao de falecemento se este tivese lugar unha vez finalizado o prazo establecido para a súa presentación ou, noutro caso, pola do inmediato anterior, facendo, en ambos os casos, indicación das modificacións que na mesma procedan para adaptala á situación patrimonial vixente no momento de devindicación do imposto sobre sucesións e doazóns.
Cando o patrimonio preexistente do suxeito pasivo estea comprendido no primeiro ou no último tramo establecido no artigo 10 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, bastará con que figure a súa manifestación facéndoo constar así.

2.    Documentación no caso de aplicación de beneficios fiscais:

I.    Redución por discapacidade:
a) Certificación ou resolución expedida polo órgano competente onde se acredite o grao de discapacidade e a data de efectos da mesma.
Se a Comunidade Autónoma de Galicia, fose competente para a súa expedición, non será precisa a súa achega.
b) En caso de pensionistas da Seguridade Social cunha pensión de incapacidade permanente total, absoluta ou gran invalidez recoñecida e pensionistas de clases pasivas cunha pensión de xubilación ou retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade recoñecida, deberá achegar xustificante documental do recoñecemento das devanditas pensións.
c) En caso  de persoas cuxa incapacidade sexa declarada xudicialmente, aínda que non alcance o grao de discapacidade requirido para aplicarse o tipo bonificado, así como nos casos de dependencia severa e gran dependencia, sempre que estas últimas situacións fosen recoñecidas polo órgano competente, de acordo co establecido no artigo 28 da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, deberase achegar copia do documento xudicial ou certificación do órgano competente, respectivamente, salvo que neste último caso o competente para a súa expedición sexa a Comunidade Autónoma de Galicia, nese caso, non será precisa a súa achega.
II.    Redución por adquisición das indemnizacións da síndrome tóxica e por actos de terrorismo.
a) Sentenza xudicial que recoñeza o pagamento de indemnizacións aos afectados pola síndrome tóxica. 
b) Resolución administrativa ditada ao amparo da Lei 29/2011, do 22 de setembro, de Recoñecemento e Protección Integral ás Vítimas do Terrorismo.
III.    Redución por cantidades percibidas polos beneficiarios de contratos de seguros sobre vida.
Certificado de Contratos de Seguros de cobertura de falecemento onde consten os contratos vixentes en que figuraba como asegurada a persoa falecida e con que entidade aseguradora (seguros de vida con cobertura de falecemento e seguros de accidentes que cubra a continxencia da morte do asegurado) expedido polo Rexistro Xeral de Actos de Ultima Vontade (Rexistro Civil).
No suposto previsto na Disposición transitoria cuarta da lei 29/1987, do 18 de decembro, do imposto sobre sucesións e doazóns, deberase achegar certificación da compañía de seguros onde conste que o contrato de seguro foi subscrito con anterioridade ao 16 de xaneiro de 1987.
IV.    Redución por transmisións mortis causa duns mesmos bens nun período máximo de dez anos a favor de descendentes ou adoptados.


a) Copia da autoliquidación ou liquidación onde conste a cota para reducir, así como xustificación de realizar o pagamento da mesma salvo que obre en poder da Atriga.
b) Relación onde se identifiquen os bens e, no seu caso, xustificante documental da substitución dos bens transmitidos por primeira vez por outros do mesmo valor que integren o caudal hereditario das seguintes ou ulteriores transmisións.
V.    Redución por adquisición de vivenda habitual.
No caso de parente colateral maior de 65 anos, certificado de empadroamento do mesmo ou documento onde conste a súa residencia nos dous anos anteriores ao falecemento.
VI.    Reducións pola adquisición de bens e dereitos afectos a unha actividade económica de arrendamento de inmobles:
a)  Contrato de traballo da persoa ou persoas contratadas acompañados da xustificación da súa comunicación aos Servizos Públicos de Emprego.
b)  Nóminas ingresadas e xustificación dos pagamentos da cotización na Seguridade Social (TC-1 e TC-2).
c) Contratos de arrendamento e identificación dos arrendatarios.
VII.    Reducións pola adquisición de participacións en entidades.

a) Balance de situación da sociedade a data de devindicación, así como o último balance pechado e o último balance aprobado con anterioridade á data de devindicación sempre que a situación patrimonial da sociedade non sufrise variacións significativas entre a data deste balance e a de devindicación, o que deberán indicar.
b) Memoria da sociedade, do exercicio anterior á devindicación do imposto.
c) Escritura de constitución e estatutos da sociedade e no seu caso das modificacións sociais ata a data de devindicación. 
d) Certificación da participación no capital social do causante ou doante e se procede, do cónxuxe, os descendentes, os ascendentes ou os colaterais ata o sexto grao do transmítente, tanto por consanguinidade ou adopción como por afinidade, así como a valoración da devandita participación. 
e) Certificado da entidade que acredite as funcións de dirección que realizaba na entidade o causante ou o doante ou o membro do grupo de parentesco que exerce estas funcións.
f) Certificación das remuneracións do causante ou doante ou, se procede, do membro do grupo de parentesco, polas funcións de dirección na entidade, referido ao ano da transmisión e ao ano precedente, así como certificación do réxime en que se atopa incluída dita persoa na Seguridade Social.
VIII.    Redución por adquisición de bens do Patrimonio Histórico ou Cultural. 
a) Declaración xenérica de ben de interese cultural, ou
b) copia da declaración individual como ben de interese cultural, ou
c) certificación da Administración local onde se atope situado o ben que acredite que está incluído no recinto dun Conxunto Histórico, ten asignado un nivel de protección "integral", está incluído no Catálogo adxunto ao Plan Municipal e ten unha antigüidade igual ou superior a 50 anos.

IX.    Redución pola adquisición de explotacións agrarias e de elementos afectos.
a) No caso previsto no artigo 7. Cinco do Texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia aprobado polo Decreto Lexislativo 1/2011, do 28 de xullo.

Certificación expedida polo órgano competente que acredite:

1º No caso de explotacións agrarias, que o causante ou o seu cónxuxe ten a condición de persoa agricultora profesional e o período de duración durante o cal mantivo tal condición. E, que os bens ou dereitos transmitidos constitúen unha explotación agraria.
2º No caso de bens afectos a explotacións agrarias, que o adquirente ou o seu cónxuxe teña a condición de persoa agricultora profesional e o período de duración durante o cal mantivo tal condición. Así como que o adquirente ou o seu cónxuxe, á data de deivindicación, sexa titular dunha explotación agraria ou persoa socia dunha sociedade agraria de transformación, cooperativa de explotación comunitaria da terra ou sociedade civil titular dunha explotación agraria á que están afectos os elementos transmitidos.
3º No caso de leiras rústicas transmitidas no prazo de 6 meses polo causahabiente, que o adquirente teña a condición de persoa agricultora profesional e o período de duración durante o cal mantivo tal condición. Así como que o adquirente é titular dunha explotación agraria ou persoa socia dunha sociedade agraria de transformación, cooperativa de explotación comunitaria da terra ou sociedade civil titular dunha explotación agraria á que están afectos os elementos transmitidos.

b) No caso de aplicación das reducións pola adquisición de explotacións agrarias e leiras rústicas previstas na Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización de explotacións agrarias.
Certificación expedida polo órgano competente que acredite, segundo os casos, que: 

1º O transmítente é titular dunha explotación agraria prioritaria.
2º O adquirente é titular doutra explotación que sexa prioritaria e que non se altera a condición de prioritaria por esta adquisición ou que alcance esta consideración como consecuencia da adquisición.
3º O adquirente é o cónxuxe supérstite do transmítente ou é un agricultor novo ou un asalariado agrario e a transmisión realízase nos cinco anos seguintes á súa 1ª instalación.
4º Coa adquisición complétase baixo unha soa linde a superficie suficiente para constituír unha explotación prioritaria.
5º Coa adquisición complétase baixo un soa linde o cincuenta por cento, polo menos, da superficie dunha explotación cuxa renda unitaria de traballo estea dentro dos límites establecidos a efectos de concesión de beneficios fiscais para as explotacións prioritarias.
6º Os bens ou dereitos transmitidos constitúen unha explotación agraria ou unha parte da mesma na data de transmisión. 
 

O obrigado tributario debe  presentar a seguinte documentación: 

1.    Documentación xeral:

I.    Modelo 651.
II.    Documento no que se conteña ou constate o feito impoñible suxeito a gravame. En caso de documentos notariais deberase presentar copia auténtica do documento. Se se trata de documentos privados, presentarase o orixinal dos mesmos.

2.    Documentación no caso de aplicación de beneficios fiscais:

I.    Redución pola adquisición de bens e dereitos afectos a unha actividade económica e de participación en entidades.
a) No seu caso, certificado ou resolución expedida polo órgano competente que acredite a situación de incapacidade permanente en grao absoluta ou gran invalidez do doante e a data de efectos de tal recoñecemento.
b) A prevista nos puntos VI e VII do apartado (Adquisición mortis causa-Documentación no caso de aplicación de beneficios fiscais).
II.    Redución pola adquisición de explotacións agrarias e leiras rústicas.
a) No caso da prevista no artigo 8. Cinco do texto refundido aprobado polo Decreto Lexislativo 1/2011, do 28 de xullo.
1º No seu caso, certificado ou resolución expedida polo órgano competente que acredite a situación de incapacidade permanente en grao absoluta ou gran invalidez do doante e a data de efectos de tal recoñecemento.
2º Certificación expedida polo órgano competente que acredite que o transmitente á data de devindicación ten a condición de persoa agricultora profesional e que perde esa condición como consecuencia da doazón, e, que a explotación agraria realizase efectivamente actividades agrarias e a persoa agricultora profesional mantivese tal condición durante un prazo superior a dous anos anteriores á data de devindicación do imposto.

b) No caso das previstas na Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización de explotacións agrarias:
Certificación expedida polo órgano competente que acredite, segundo os casos, que: 

1º O transmítente é titular dunha explotación agraria prioritaria.
2º O adquirente é titular doutra explotación que sexa prioritaria e que non se altera a condición de prioritaria por esta adquisición ou que alcance esta consideración como consecuencia da adquisición.
3º O adquirente é o cónxuxe supérstite do transmítente ou é un agricultor novo ou un asalariado agrario e a transmisión realízase nos cinco anos seguintes á súa 1ª instalación.
4º Coa adquisición complétase baixo unha soa linde a superficie suficiente para constituír unha explotación prioritaria.
5º Coa adquisición complétase baixo un soa linde o cincuenta por cento, polo menos, da superficie dunha explotación cuxa renda unitaria de traballo estea dentro dos límites establecidos a efectos de concesión de beneficios fiscais para as explotacións prioritarias.
6º Os bens ou dereitos transmitidos constitúen unha explotación agraria ou unha parte da mesma na data de transmisión. 
 

Precísase cita previa  para a presentación presencial do imposto nas delegacións da Axencia Tributaria de Galicia, oficinas liquidadoras ou oficinas de distrito hipotecario
En caso de presentación telemática do imposto, a remisión dos documentos comprensivos dos feitos impoñibles realizarase das seguintes formas:

A.    Presentación telemática de calquera documento, salvo os notariais: A través da OVTributaria, servizo "Presentación de documentación asociada" no momento posterior á presentación. Se é colaborador social deberá presentar a documentación a través do mesmo servizo co perfil de colaborador  social e achegar a representación.

B.    Presentación telemática dos documentos notariais: 

1.    Cando por solicitude do obrigado tributario o notario autorizante colabore na presentación, pagamento e remisión por vía telemática da autoliquidación e documentación complementaria do imposto sobre sucesións e doazóns, remitirá o documento en formato electrónico que incorpore o feito ou negocio suxeito a tributación á consellería competente en materia de facenda. A aplicación informática da consellería emitirá unha dilixencia de presentación do documento, para a súa incorporación á matriz da escritura ou documento notarial por parte do notario autorizante.

2.    Se a presentación electrónica é realizada polo propio suxeito pasivo ou por un profesional actuando no seu nome, estes deberán solicitar ao notario autorizante a remisión en formato electrónico do documento que incorpore o feito ou negocio suxeito a tributación. O propio notario procederá ao envío deste documento no prazo de dez días naturais, contados a partir da súa formalización, e, en todo caso, antes da finalización do prazo de presentación da declaración tributaria correspondente.

O usuario sinalará a través da aplicación informática na devandita presentación que autorizou ao notario o envío do documento notarial. Aceptada a presentación da autoliquidación, a aplicación informática da consellería enviará ao usuario un xustificante da presentación do documento.
Se o usuario desexa que o notario autorizante do documento incorpore á matriz da escritura ou documento notarial a dilixencia de presentación do documento comunicarallo, e este incorporará a autorización do usuario á ficha notarial remitida. Neste caso a aplicación enviará ao notario o devandito xustificante para a súa incorporación.

No Imposto sobre Sucesións e Doazóns, o contribuínte está obrigado a realizar a autoliquidación do imposto e ingresar as cantidades resultantes. Para iso deberá cubrir o modelo 650 para o Imposto sobre Sucesións e o modelo 651 para o Imposto sobre Doazóns.

Se conta con certificado dixital ou DNI electrónico poderá realizar o pagamento e a presentación do imposto a través da OVTributaria, así como achegar a documentación pola través do servizo "Presentación de documentación autoliquidacións

  • Para o Imposto sobre Sucesións, a través do programa ALIS (Axuda á liquidación do Imposto de Sucesións).  
  • Para o Imposto sobre Doazóns, OVTributaria  --- Cidadáns --- Doazóns --- Presentación telemática,

Se é colaborador social realizará a presentación do imposto e achega da documentación polo  perfil de colaboradores sociais e achegará a representación.

Se non ten certificado dixital ou DNI electrónico, o modelo 650 e 650D para o Imposto sobre Sucesións e 651 para o Imposto sobre Doazóns poderá adquirilos en calquera das oficinas ou estancos autorizados ou ben obtelo a través OVTributaria 

  • Para o Imposto sobre Sucesións, a través do programa ALIS (Axuda á liquidación do Imposto de Sucesións) 
  • Para o Imposto sobre Doazóns, OVTributaria   --- Cidadáns --- Doazóns --- Confección on-line

Para a presentación do imposto de forma presencial nas delegacións da Axencia Tributaria de Galicia, oficinas liquidadoras ou oficinas de distrito hipotecario precísase  cita previa 
 

Tanto nas transmisións «mortis causa» como nas doazóns e demais transmisións lucrativas «inter vivos» equiparables, a base impoñible estará constituída polo valor neto da adquisición individual de cada habente causa ou dos bens adquiridos polo donatario, entendéndose como tal o valor real dos bens e dereitos minorado polas cargas e débedas que foran deducibles. O valor real que atribúan a cada un dos bens e dereitos incluídos na declaración do imposto prevalecerá sobre o valor comprobado se fose superior a este último.

O valor real determinarase con referencia á data de devindicación do imposto.

Tratándose de bens inmobles, no exercicio de outorgar aos inmobles o seu valor real, o contribuínte pode obter o valor fiscal tal e como se informa no apartado de valoracións de bens inmobles.

Os contribuíntes non están obrigados a aceptar o valor obtido, tanto a través da Oficina Virtual Tributaria como a través do sistema presencial mediante formulario, pudendo consignar un distinto.

En caso de non axustar a declaración ao valor fiscal previamente obtido por calquera dos métodos ofrecidos pola Administración, o valor declarado poderá ser obxecto de comprobación. O suxeito pasivo terá dereito a impugnar o valor comprobado mediante a interposición dos recursos previstos na normativa aplicable.

No caso de declarar o valor fiscal este último terá os efectos vinculantes previstos na lei para a Administración, a cal non poderá modificalo. A Administración só poderá comprobar que os datos ofrecidos para a valoración coinciden coa realidade do obxecto a valorar.

A presentación telemática das autoliquidacións do Imposto sobre Sucesións realizase polo programa de Axuda ALIS e o Imposto sobre Doazóns pola OVTributaria, Doazóns, Presentación telemática. 

Nos supostos en que da autoliquidación practicada resulte un importe a ingresar, con carácter previo á súa presentación e sen prexuízo da posibilidade de solicitar un aprazamento ou fraccionamento ou unha solicitude de pagamento mediante entrega de bens do Patrimonio Histórico Español, os obrigados tributarios realizarán, se é o caso, o pagamento da débeda tributaria.

O pagamento poderá realizarse ordenando a súa domiciliación, de acordo coa normativa vixente na materia, ou de calquera das formas que se indican a continuación:

a)    De forma presencial en calquera das entidades colaboradoras autorizadas para pagamentos presenciais con NRC, mediante o documento de ingreso que para estes efectos xerará a aplicación informática e imprimirá o usuario.
A aplicación informática xerará dúas copias do documento de ingreso debidamente cuberto. Co devandito documento acudirase á entidade financeira colaboradora para a realización do pagamento, a cal quedará co exemplar para a entidade colaboradora e devolverá ao obrigado tributario o exemplar para o interesado co selo da entidade, data do ingreso, número e importe, así como co NRC. O devandito documento servirá de xustificante de pagamento do número de autoliquidación impreso neste.
Para completar a presentación da autoliquidación, na aplicación informática, Operacións realizadas, deberá  incluír  o número NRC identificativo do ingreso que consta no documento facilitado pola entidade colaboradora. 

b)    De forma electrónica, o usuario accederá ás aplicacións específicas a través da OVT da Atriga e efectuará o pagamento da correspondente autoliquidación a través das entidades de crédito colaboradoras para tal efecto ou mediante tarxeta de crédito ou débito a través de sistemas de terminal de punto de venda (TPV) virtual a través da entidade de crédito adxudicataria do contrato en virtude do cal se preste o devandito servizo. A entidade efectuará as comprobacións oportunas e aceptará ou rexeitará a operación. No caso de ser aceptada efectuará o aboamento na correspondente conta restrinxida de recadación de tributos e xerará o correspondente NRC para completar a presentación electrónica da autoliquidación.
Unha vez realizado o pagamento, a aplicación informática xerará o recibo que o contribuínte deberá conservar, en que se identificará o número da conta que realiza o pagamento, data do ingreso, importe, NIF e nome do obrigado ao pagamento, así como o NRC. O devandito documento servirá de xustificante de pagamento do número de autoliquidación impreso neste.

Tamén poderá utilizar a domiciliación bancaria como medio de pagamento das débedas resultantes, sempre que a presentación da autoliquidación se leve a cabo por medios telemáticos. 
As contas designadas polos obrigados ao pagamento para o cargo do importe das débedas domiciliadas deberán cumprir as seguintes condicións:

a) Ser de titularidade do obrigado ao pagamento.
b) Tratarse dunha conta á vista ou dunha conta de aforro que admita a domiciliación de pagamentos.
c) Estar abertas nunha entidade de crédito autorizada para actuar como colaboradora na xestión recadatoria da Atriga 

Carecerán de efectos as ordes de domiciliación en contas que non reúnan os requisitos anteriores, polo que o obrigado deberá responder ante a Atriga da posible falta de pagamento ou do pagamento fóra de prazo do importe domiciliado. 
O pagamento das débedas domiciliadas considerarase efectuado na data na que se produza o cargo na conta do obrigado, carecendo de efectos fronte á Atriga a data na que a entidade colaboradora valore contablemente a operación de cargo.
No caso de que na autoliquidación presentada se marcara a solicitude de aprazamento e fraccionamento  ou de pagamento mediante a entrega de bens do Patrimonio Histórico Español, será necesario que o obrigado tributario presente ante a Atriga a súa solicitude expresa na forma, lugar e prazo e cos requisitos e consecuencias sinaladas na normativa tributaria, sen que poida entenderse presentada a devandita solicitude coa mera presentación da autoliquidación coas devanditas casas marcadas. A non presentación destas solicitudes nos  prazos establecidos para efectuar o pagamento da débeda tributaria en período voluntario determinará o inicio do período executivo e o pagamento esixirase a través do procedemento de constrinximento. 

Aparte das posibles consecuencias derivadas da falta de presentación e ingreso, comúns a todos os impostos, o imposto sobre sucesións e doazóns posúe certas garantías para a súa presentación que convén ter en conta. Así, a súa non presentación ou pago pode implicar que:

  • Os intermediarios financeiros non autoricen a retirada de fondos aos herdeiros, a venda de valores etc.
  • As compañías de seguros non entreguen a cantidade contratada ata que se xustifique o pago do imposto
  • Os rexistros da propiedade non autoricen o cambio de titular dos bens
  • Os documentos nos que conste o feito impoñible non se admitirán nin terán efecto en oficinas ou rexistros públicos

A partir do 1 de febreiro de 2021 a presentación de documentos relacionados con adquisicións mortis causa que fosen previamente obxecto de presentación a través dos modelos 650 e, se é o caso, D650 que conteñan feitos impoñibles non suxeitos deberase realizar a través do modelo 660. Declaración-documento sucesorio.

A presentación do modelo de declaración 660 poderase realizar presencialmente nas delegacións da Axencia Tributaria de Galicia, oficinas liquidadoras ou oficinas de distrito hipotecario  previa solicitude de cita previa .
Se dispón de certificado dixital ou DNI electrónico tamén pode presentar o modelo de declaración 660 a través  da OVTributaria 

O modelo 660 presentarase xunto coa documentación acreditativa do feito declarado. En caso de documentos notariais deberase presentar copia auténtica do documento, salvo que a declaración se presente de forma electrónica, en cuxo caso estarase ó disposto na letra B do apartado 5.3 anterior.

A declaración documento sucesorio non ten prazo de presentación. 
 

NOTA: Esta información ten carácter divulgativo e non recolle o contido íntegro da Lei 29/1987, do 18 de decembro, do ISD (B.O.E. 19.12.87) nin do seu Regulamento, aprobado por Real decreto 1629/1991, do 8 de novembro (B.O.E. 16.11.91). Nin da Orde do 21 de xaneiro de 2021 pola que se aproban os diferentes modelos de autoliquidación do imposto sobre sucesións e doazóns na Comunidade Autónoma de Galicia e se regulan o procedemento e as condicións para o seu pagamento e presentación, así como determinadas obrigacións formais e de subministración de información tributaria . Para estes efectos acompáñase o texto íntegro das normas antes citadas para a súa consulta.