Volver ao contido

Presentación

O artigo 25 do Decreto 202/2012, do 18 de outubro, polo que se crea a Axencia Tributaria de Galicia e se aproba o seu estatuto regula as funcións da ÁREA DE RECADACIÓN:

1. Corresponde á Área de Recadación, baixo a dependencia da persoa titular da Dirección e sen prexuízo das funcións que, de conformidade coa normativa vixente, deban entenderse atribuídas a outros órganos ou unidades, as funcións en materia de recadación que se prevén na Lei 58/2003, do 17 de decembro, e no Real decreto 939/2005, do 29 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de recadación, de imposición de sancións e de revisión en vía administrativa, que se lle atribúan mediante orde da consellería competente en materia de facenda, así como as demais que lle encomende a Dirección ou que se lle deleguen.

Entre outras, correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Planificar e coordinar a xestión recadatoria que corresponda á Axencia Tributaria de Galicia, incluída a que derive de convenios, delegacións de competencias ou encomendas de xestión doutras administracións públicas.

b) A coordinación entre os órganos da Axencia Tributaria de Galicia e demais órganos ou entes da Comunidade Autónoma que desempeñen funcións de xestión recadatoria dos ingresos de dereito público.

c) A autorización, supervisión e control das contas restrinxidas de recadación, así como o réxime de funcionamento dos ingresos nas entidades colaboradoras e nas entidades que, de ser o caso, presten o servizo de caixa.

d) A supervisión da actuación dos órganos de recadación.

e) O estudo e a proposta de convenios con outras administracións públicas que instrumenten a delegación ou encomenda de funcións en materia de recadación.

2. Contará coas seguintes unidades administrativas:

2.1. O Departamento Central de Recadación, que exercerá, entre outras, as seguintes funcións:

a) Promover e impulsar a xestión recadatoria no ámbito das súas competencias, exercendo a debida vixilancia para que os procedementos se ultimen con rapidez. 

b) A xestión recadatoria nos dous períodos respecto das débedas das unidades centrais e órganos con sede no concello de Santiago de Compostela.

c) Ditar providencias de constrinximento respecto das débedas sinaladas no apartado anterior.

d) A relación coas entidades colaboradoras no ámbito da comunidade autónoma.

e) Facer o seguimento dos procesos concursais en que compareza a Axencia Tributaria de Galicia.

f) O estudo, deseño e proposta dos sistemas e procedementos que se vaian utilizar nas actuacións de recadación executiva no ámbito das súas competencias.

g) A proposta de instrucións ou circulares no seu ámbito de competencias.

2.2. O Departamento de Recadación Executiva, que exercerá, entre outras, as seguintes funcións:

a) Planificar a xestión recadatoria executiva que corresponda á Axencia Tributaria de Galicia, para o cal colaborará co Departamento de Planificación do Control Tributario.

b) A xestión centralizada da recadación executiva.

c) A coordinación de órganos e unidades que leven a cabo a xestión recadatoria en período executivo.

d) Tramitar as reclamacións por terzarías que se poidan formular.

e) Tramitar expedientes de derivación da acción administrativa aos responsables solidarios e subsidiarios e sucesores en período executivo.

f) O estudo, deseño e proposta dos sistemas e procedementos que se vaian utilizar nas actuacións de recadación executiva no ámbito das súas competencias.

g) Canalizar as relacións con outras administracións públicas e entidades colaboradoras para os efectos de establecer e mellorar as canles de intercambio de información necesarias para o desenvolvemento das competencias de recadación executiva.

h) A proposta de instrucións ou circulares no seu ámbito de competencias.

Así mesmo, tamén son órganos de recadación os Departamentos de Recadación das Delegacións da Axencia Tributaria de Galicia, na respectiva esfera territorial de cada unha delas.