Volver ao contido

Guía do imposto compensatorio ambiental mineiro

O imposto compensatorio ambiental mineiro recaerá sobre as minas, referidas a minerais metálicos industriais e metais preciosos, así coma, sobre os depósitos ou almacenamentos dos mesmos que se atopen situados na Comunidade Autónoma de Galicia.

Constitúe o feito impoñible do ICAM:

  1. A alteración da superficie ou solo como consecuencia da extracción a partir das concesións de explotación da sección C) nos termos da Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, referidas a minerais metálicos industriais e metais preciosos.
  2. O depósito ou almacenamento en vertedoiros públicos ou privados, situados na Comunidade Autónoma de Galicia, de residuos mineiros, procedentes da extracción ou derivados do proceso de beneficio, dos minerais metálicos industriais e de metais preciosos da sección C) nos termos da Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas.

Para a catalogación dos residuos mineiros terase en conta a clasificación prevista na normativa ambiental vixente.

Presumiranse realizadas as actividades que constitúen o feito impoñible previsto na letra a) durante a vixencia temporal da concesión, aínda que esta se encontre en suspensión temporal. Presumiranse realizadas as actividades que constitúen o feito impoñible previsto na letra b) mentres non sexa clausurado o depósito ou almacén de residuos, aínda cando a actividade cesase.

Non estarán suxeitos ao ICAM:

  1. A alteración da superficie ou do solo como consecuencia da extracción, e o depósito ou almacenamento de residuos vinculados á extracción de minerais non metálicos, como os orgánicos naturais e hidrocarburos líquidos e gasosos, minerais para a agricultura-fertilizantes, para a industria química e para a elaboración de pigmentos, pinturas (calcio, fósforo, potasio, xofre), minerais para a industria do vidro e a cerámica (sílice, cuarzo, flúor...), minerais para carga, recheo ou cubrición (arxilas especiais), así como as augas reguladas na Lei 5/1995, do 7 de xuño, de regulación das augas minerais, termais, de manantial e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia.
  2. A alteración da superficie ou do solo como consecuencia da extracción, e o depósito ou almacenamento de residuos vinculados á extracción de granito, lousa e outras pedras ornamentais, comprendidas no ámbito de aplicación da Lei 9/1985, do 30 xullo, de protección de pedras ornamentais.
  3. A alteración da superficie ou do solo como consecuencia da extracción, e o depósito ou almacenamento de residuos vinculados á extracción e ao aproveitamento de recursos xeotérmicos e de formacións xeolóxicas superficiais ou subterráneas.
  4. A alteración da superficie ou do solo como consecuencia da extracción, e o depósito ou almacenamento de residuos vinculados á extracción, ocasional e de escasa importancia, de recursos minerais, calquera que sexa a súa clasificación, sempre que se leve a cabo polo propietario dun terreo para o seu uso exclusivo e non esixa a aplicación de técnicas mineiras.
  5. A alteración da superficie ou do solo como consecuencia da extracción, e o depósito ou almacenamento de residuos vinculados a calquera actividade que se leve a cabo ao abeiro dalgún título habilítante dos previstos para os recursos mineiros das seccións A) B) e D), segundo a Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas.
  6. A alteración da superficie ou do solo como consecuencia da extracción, e o depósito ou almacenamento de residuos vinculados a calquera outra actividade cuxa exploración, investigación, explotación e almacenamento non estea comprendida no ámbito de aplicación da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación mineira de Galicia.

Serán suxeitos pasivos do ICAM en calidade de contribuíntes as persoas físicas, xurídicas ou entidades do artigo 35.4 da Lei 58/2003, xeral tributaria, que, baixo calquera título, realicen as actividades constitutivas do feito impoñible do imposto, aínda cando non sexan titulares das concesións mineiras outorgadas para recursos minerais metálicos industriais e metais preciosos da sección C), ao abeiro da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación mineira de Galicia ou, de ser o caso, das autorizacións das instalacións de depósito ou almacenamento de residuos.

No caso de que o almacenamento de residuos proveña do tratamento de minerais extraídos noutra explotación, mesmo fóra do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, será suxeito pasivo contribuínte o que realice a explotación do depósito ou almacén dos residuos mineiros.

Presumirase, salvo proba en contra, que as citadas actividades son realizadas pola persoa ou entidade que figure como titular da correspondente concesión administrativa ou autorización administrativa do depósito ou almacén de residuos.

Terán a condición de suxeitos pasivos os que alteren superficies ou depositen ou almacenen residuos, aínda cando carezan da autorización administrativa correspondente. Neste caso, esixirase o imposto, independentemente da incoación do procedemento sancionador que corresponda.

Serán responsables solidarios as persoas físicas, xurídicas ou entidades do artigo 35.4 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, que:

  1. Sexan titulares das concesións mineiras outorgadas para os recursos mineiros considerados no artigo 12, cando non coincidan cos que realicen as actividades constitutivas do feito impoñible do ICAM.
  2. Sexan titulares da correspondente autorización administrativa do depósito ou almacén dos residuos considerados no artigo 12, cando non coincidan cos que realicen as actividades constitutivas do feito impoñible do ICAM.
  3. Sexan titulares das instalacións ou terreos en que se almacenen os residuos considerados no artigo 12, cando non coincidan cos que realicen as actividades constitutivas do feito impoñible do ICAM.
  4. Transporten os residuos mineiros considerados no artigo 12, cando non sexa posible identificar a procedencia dos residuos.

A base impoñible, en estimación directa, virá constituída por:

  1. Na alteración da superficie ou do solo como consecuencia da extracción de minerais metálicos industriais e metais preciosos, pola superficie total afectada polas explotacións e instalacións, expresada en unidades de superficie. Tales unidades serán as hectáreas ou fraccións de superficie alteradas e non restauradas na data da devindicación.
  2. No almacenamento de residuos, polas toneladas depositadas ou almacenadas de residuos sólidos e/ou os metros cúbicos de volume depositados ou almacenados de residuos non sólidos ao longo do período impositivo. O cómputo da base impoñible realizarase tendo en conta o volume inicial depositado ou almacenado e o volume incrementado, en cada período de liquidación, de acordo co establecido regulamentariamente.

A base impoñible determinarase, con carácter xeral, por estimación directa. O método de estimación obxectiva poderá utilizarse para a determinación da base impoñible mediante a aplicación dos métodos e indicadores obxectivos vinculados á actividade, ou por referencia a índices, módulos ou calquera outro parámetro de acordo co que se estableza. Cando o suxeito pasivo determine a base impoñible mediante estimación obxectiva, o método será aplicable para todo o período impositivo, nas condicións establecidas regulamentariamente. A Administración tributaria poderá determinar a base impoñible por estimación indirecta, nos casos e por calquera dos medios sinalados na normativa tributaria xeral.

A cota tributaria vén determinada pola aplicación á base impoñible dos seguintes tipos de gravame anuais:

  1. Na alteración da superficie ou do solo como consecuencia da extracción de minerais metálicos industriais e metais preciosos:
    Por cada hectárea ou fracción de superficie alterada non restaurada: 12.500 euros.
  2. No almacenamento de residuos:
    Por cada tonelada ou metro cúbico de residuo perigoso depositado ou almacenado: 0,125 euros.
    Por cada tonelada ou metro cúbico de residuo non perigoso non inerte depositado ou almacenado: 0'0125 euros.
    Por cada tonelada ou metro cúbico de residuo non perigoso inerte depositado ou alma¬cenado: 0'00625 euros.
    Aos residuos xerados no proceso de beneficio do mineral aplicaráselles un coeficiente de incremento de 1,2.
    Igualmente, aos residuos procedentes, se é o caso, de fóra de Galicia aplicaráselles un coeficiente de incremento do 1,5.

Naqueles períodos impositivos que non coincidan co ano natural, a cota resultante ratearase en función do número de días do período impositivo.

A devindicación producirase o 31 de decembro de cada ano, agás no último ano de actividade, no que se producirá:

  1. Para o feito impoñible establecido na letra a) do punto Un do artigo 12, no día en que a autoridade mineira recoñeza o cesamento definitivo dos labores mineiros.
  2. Para o feito impoñible establecido na letra b) do punto Un do artigo 12, no día en que a autoridade competente clausure o almacén ou depósito de residuos.

O período impositivo coincidirá co ano natural.

No ano en que se inicien as actividades gravadas, o período impositivo entenderase comprendido entre:

  1. Con carácter xeral, o día en que se lle notifique á autoridade mineira o inicio dos labores mineiros obxecto de gravame e a data da devindicación.
  2. No suposto da letra b) do punto1 do artigo 12, cando as instalacións sexan alleas á explotación mineira, o día en que se notifique a autorización da autoridade competente e a data da devindicación.

Así mesmo, no último ano de actividade, o período impositivo entenderase comprendido entre o primeiro día do ano natural e a data da devindicación.

Os suxeitos pasivos están obrigados, na forma e prazos que se establezan regulamentariamente para estes efectos, a presentar unha declaración inicial mediante os modelos aprobados pola consellaría competente en materia de facenda. Do mesmo modo, están obrigados a presentarlle á Administración unha modificación da declaración inicial cando varíen os datos declarados.

Os suxeitos pasivos están obrigados a presentar autoliquidación do ICAM por cada unha das concesións e por cada unha das instalacións receptoras de residuos mineiros que exploten, determinando a débeda tributaria correspondente e ingresando o seu importe, na forma, prazos e lugar, segundo os modelos e de conformidade coas instrucións que estableza a consellaría competente en materia de facenda mediante orde.
Do mesmo modo, os suxeitos pasivos estarán obrigados a efectuar pagamentos á conta do importe da débeda tributaria definitiva por aplicación do tipo de gravame sobre a base impoñible provisional acumulada desde o principio do período impositivo ata o final do prazo ao que se refira o pagamento autoliquidando e ingresando o seu importe na contía, condicións, forma, lugar e prazos determinados na orde da consellaría competente en materia de facenda.