Volver ao contido

Notas de prensa

« Atrás

A Axencia Tributaria de Galicia trasladou a persoal do catastro de Ecuador as políticas fiscais da Xunta no eido rural

A Axencia Tributaria de Galicia trasladou a persoal do catastro de Ecuador as políticas fiscais da Xunta no eido rural

 

  • A directora da ATRIGA mantivo un encontro co máximo responsable do Catastro  ecuatoriano e con varios investigadores dese país e da Universidade de Santiago
  • Este encontro enmárcase nun proxecto de cooperación que ten como obxectivo mellorar a autonomía fiscal dos municipios do país latinoamericano
  • María Victoria González explicoulles a política de impostos ‘cero' no rural posta en marcha pola Xunta dende o 1 de xaneiro

 

Santiago, 14 de outubro de 2016.- A directora da Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA), María Victoria González, mantivo un encontro con persoal do Catastro de Ecuador e con varios investigadores universitarios dese país no que lle trasladou as políticas fiscais que está levando a cabo a Xunta no eido rural, incluído o programa de impostos ‘cero' en vigor dende o pasado 1 de xaneiro.

A delegación de Ecuador visitou estes días a Comunidade Autónoma e aproveitou para coñecer o funcionamento da Axencia Tributaria de Galicia. Esta actividade enmárcase nun proxecto de cooperación entre o Laboratorio do Territorio da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o Goberno de Ecuador, que ten como  obxectivo estudar alternativas que melloren a autonomía fiscal dos seus municipios a través daqueles impostos relacionados co uso e a transmisión da terra.

Así, os investigadores ecuatorianos e o persoal da Dirección Nacional de Avalúos e Catastros de Ecuador visitaron diversas institucións para coñecer o funcionamento dos procesos de valoración e cargas impositivas que ten a terra en Galicia. Na súa visita á ATRIGA estiveron acompañados polo profesor da USC José María Tubío.

Neste sentido, a directora da ATRIGA explicoulles a política de impostos ‘cero' levada a cabo pola Xunta de Galicia; o funcionamento e os aspectos técnicos do imposto de transmisións patrimoniais; así como os diversos medios de valoración empregados pola Axencia Tributaria de Galicia. Pola súa parte, os representantes ecuatorianos que participaron na visita destacaron a utilidade do encontro para a creación dun Observatorio de Mercado de Valores en Ecuador.

 

Impostos ‘cero' no rural

Na reunión mantida coa delegación ecuatoriana, a directora da ATRIGA explicoulles que dende o 1 de xaneiro deste ano, o Goberno galego puxo en marcha un programa de impostos ‘cero' no rural para favorecer a actividade neste eido.

Isto supón que os galegos non pagan impostos pola transmisión ou agrupación de fincas rústicas, co obxectivo de dinamizar o campo e as actividades produtivas máis vencelladas ao sector primario.