Volver ao contido

Notas de prensa

« Atrás

Facenda reforza con 50 funcionarios o servizo de atención ao contribuínte durante a Campaña da Renda 2017

Facenda reforza con 50 funcionarios o servizo de atención ao contribuínte durante a Campaña da Renda 2017

  • A ATRIGA destina 246.000 euros para facilitar que os contribuíntes galegos reciban axuda e asesoramento para facer a declaración do IRPF
  • O prazo para solicitar a cita previa remata o 29 de xuño e a campaña de reforzo estará operativa ata o 2 de xullo
  • No último exercicio foron atendidas polo persoal da ATRIGA máis de 38.500 persoas

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2018.-  A Consellería de Facenda, a través da Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA), está a reforzar con 50 funcionarios o servizo de atención aos contribuíntes galegos durante a Campaña da Renda 2017. A estes traballadores hai que sumarlles outros sete funcionarios da Xunta de Galicia que están a desempeñar labores de coordinación.

Sobre a base da experiencia adquirida en campañas anteriores,  a ATRIGA está a colaborar coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) no desenvolvemento da Campaña da Renda 2017, e este ano destina un total de 246.000 euros ás plataformas mixtas de apoio ao contribuínte. A través destas plataformas, situadas en dependencias da AEAT nas sete grandes cidades galegas, os contribuíntes reciben axuda e asesoramento para facer a declaración do IRPF e a súa presentación.

Esta campaña de reforzo comezou o pasado xoves, 10 de maio, e estará operativa ata o vindeiro 2 de xullo. Todos aqueles contribuíntes que desexen acceder a este servizo teñen que solicitar a cita previa por teléfono ou por internet na web da AEAT. O prazo para pedila remata o vindeiro día 29 de xuño.

No último exercicio, durante a Campaña da Renda 2016, o persoal aportado pola ATRIGA ás plataformas mixtas de atención ao contribuínte permitiu atender 38.560 citas no proceso de elaboración e presentación da declaración do IRPF. Delas, o maior número  correspondeu á plataforma conxunta de Vigo, con 12.051; seguida de Pontevedra, con 6.400; Santiago, con 5.016; A Coruña, con 4.367; Lugo, con 4.283; Ourense, 3.859; e Ferrol, con 2.584 citas atendidas.

Deses 50 contratados para reforzar o servizo de atención aos contribuíntes na Campaña da Renda 2017 -que atenden outros tantos postos nas plataformas mixtas- 15 corresponden á cidade de Vigo; oito, á de Pontevedra; seis, á de Santiago; seis á da Coruña; outros seis, á de Ourense; cinco, á de Lugo; e  catro, á de Ferrol.