Volver ao contido

Notas de prensa

« Atrás

Facenda reforza con 50 funcionarios o servizo de atención ao contribuínte durante a Campaña da Renda 2016

Facenda reforza con 50 funcionarios o servizo de atención ao contribuínte durante a Campaña da Renda 2016

  • A ATRIGA destina 244.000 euros para facilitar que os contribuíntes galegos reciban axuda e asesoramento para facer a declaración do IRPF
  • O prazo para solicitar cita previa remata o 29 de xuño, e a campaña de reforzo estará operativa ata o 30 de xuño
  • No último exercicio foron atendidas polo persoal da ATRIGA máis de 42.000 persoas

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2017.-  A Consellería de Facenda, a través da Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA), está a reforzar con 50 funcionarios o servizo de atención aos contribuíntes galegos durante a Campaña da Renda 2016. A estes traballadores hai que sumar outros sete funcionarios da Xunta de Galicia que están a desempeñar labores de coordinación.

Sobre a base da experiencia adquirida en campañas anteriores,  a ATRIGA está a colaborar coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) no desenvolvemento da Campaña da Renda 2016, e este ano destina un total de 244.000 euros ás plataformas mixtas de apoio ao contribuínte. A través destas plataformas, situadas en dependencias da AEAT nas sete cidades galegas, os contribuíntes reciben axuda e asesoramento para facer a declaración do IRPF e a súa presentación.

Esta campaña de reforzo comezou a principios do mes de maio e estará operativa ata o vindeiro 30 de xuño. Todos aqueles contribuíntes que desexen acceder a este servizo teñen que solicitar cita previa por teléfono ou vía internet na web da AEAT, cuxo prazo para solicitala remata o vindeiro día 29 de xuño.

No último exercicio, durante a Campaña da Renda 2015, o persoal aportado pola ATRIGA ás plataformas mixtas de atención ao contribuínte permitiron atender a máis de 42.000 persoas no proceso de elaboración e presentación da declaración do IRPF.

Novidades renda 2016
A Xunta de Galicia aprobou no ano 2016 a maior baixada de impostos da historia da Autonomía, co obxectivo de trasladar a todos os fogares galegos a recuperación económica a través dunha política fiscal máis xusta. O obxectivo é reducir e redistribuír a carga tributaria, aumentar a renda das familias, fomentar o aforro e o investimento e mellorar a competitividade das empresas, ademais de lograr un sistema tributario máis equitativo.

Neste sentido, aplicouse unha rebaixa no IRPF de carácter progresivo e que beneficia ao 98,5% dos contribuíntes galegos, cun aforro de ata 380 euros ao ano. Esta rebaixa é maior nas rendas baixas e medias, e sitúa a Galicia entre as comunidades coa menor tributación. Precisamente, esta baixada do imposto xa ten efecto na declaración da renda do exercicio 2016, que os contribuíntes están a presentar nestas semanas.