Volver ao contido

Notas de prensa

« Atrás

Facenda acondicionará un inmoble sen uso da Xunta para ubicar nel a delegación en Ourense da Axencia Tributaria de Galicia

Facenda acondicionará un inmoble sen uso da Xunta para ubicar nel a delegación en Ourense da Axencia Tributaria de Galicia

  • A Administración galega investirá máis de 425.000 euros na reforma completa dun local da rúa Progreso, que inclúe a instalación dun ascensor
  • O prazo de execución da obra é de 15 semanas
  • O local ten 1.089 metros cadrados e nel traballarán uns 60 empregados públicos
  • Esta actuación forma parte do Plan de Alugueiros cero da Xunta, que aposta por optimizar o patrimonio propio da Administración

 

Santiago, 21 de febreiro de 2017.- A Consellería de Facenda investirá máis de 425.000 euros na reforma e acondicionamento dun local sen uso da Administración galega situado na rúa Progreso da cidade de Ourense, o que permitirá ubicar alí a delegación en Ourense da Axencia Tributaria de Galicia. Este servizo préstase actualmente nun local en réxime de alugueiro, polo que esta actuación permitirá á Xunta de Galicia optimizar o patrimonio propio da Comunidade Autónoma e reducir o gasto en alugueiros.

 

Tal como establece a resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), a Consellería de Facenda investirá 425.852,24 euros (IVE incluído) no acondicionamento dun local propiedade da Comunidade Autónoma situado no número 38 da rúa Progreso de Ourense. A obra fora licitada no mes de setembro por un orzamento máximo de 564.118,37 euros, e a adxudicataria é a empresa Misturas SA.

 

A obra de reforma e acondicionamento do local inclúe a instalación dun ascensor, que permitirá facer totalmente accesible este inmoble dado que está situado nun entrechán. O prazo de execución da obra é de 15 semanas dende que se asine a acta de replanteo, un trámite que está previsto para este mes de febreiro.

 

O local obxecto da actuación atópase na actualidade sen uso. É un espazo que ten 1.089 metros cadrados de superficie, e unha vez rematadas as obras traballarán nel os preto de 60 empregados públicos da delegación en Ourense da Axencia Tributaria de Galicia.

 

Aforro en alugueiro

O acondicionamento do inmoble da rúa Progreso permitirá optimizar un espazo que é propiedade da Comunidade Autónoma, polo que se deixará de utilizar o inmoble no que actualmente presta servizo a Axencia Tributaria de Galicia na cidade de Ourense, situado na rúa Xoán XXIII. Unha vez finalizado o traslado ás novas dependencias, a Xunta aforrarase cada ano o seu alugueiro.

 

Esta actuación forma parte do Plan de Alugueiros cero da Xunta de Galicia, que aposta por poñer en valor o patrimonio propio da Xunta reducindo á súa vez o gasto en alugueiros. De feito, esta diminución do gasto en alugueiros é a que permite afrontar as reformas dos inmobles que xa forman parte do patrimonio da Administración galega.