Volver ao contido

Notas de prensa

« Atrás

A Xunta amplía a 30.000 euros o límite para pedir adiamentos ou fraccionamentos de impostos sen ter que presentar garantía

A Xunta amplía a 30.000 euros o límite para pedir adiamentos ou fraccionamentos de impostos sen ter que presentar garantía

  • Ata agora, este aval requiríase para os importes superiores a 18.000 euros
  • Este cambio aplicarase a todos os impostos e taxas que xestiona a Axencia Tributaria de Galicia, incluídos os tributos cedidos
  • O Diario Oficial de Galicia publica a orde de ampliación, que entrará en vigor mañá
  • Este cambio beneficiará aos contribuíntes galegos, xa que terán máis facilidades para cumprir as súas obrigas tributarias

 

Santiago, 18 de marzo de 2016.- A Xunta de Galicia amplía dende mañá a 30.000 euros o límite para que os contribuíntes poidan solicitar o aprazamento ou fraccionamento dun imposto sen ter que presentar garantía na Axencia Tributaria de Galicia, con independencia de que se atope en período voluntario ou en período executivo de pago.

 

A Consellería de Facenda vén de aprobar unha orde que permite ampliar o límite ata os 30.000 euros, posto que ata agora a Administración viña solicitando un aval para aquelas débedas superiores aos 18.000 euros. Esta modificación beneficiará os contribuíntes galegos porque terán máis facilidades para cumprir coas súas obrigas tributarias, ao tempo que dotará de maior axilidade a xestión destas solicitudes. A orde aparece publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, e entrará mañá en vigor.

 

A concesión de aprazamentos e fraccionamentos permite aos contribuíntes afrontar o pagamento das súas débedas tributarias da forma que máis se acomode á súa situación financeira e de tesourería, permitindo ás familias e empresas dispoñer de máis tempo para satisfacer esa débeda e contar con máis liquidez.

 

Este cambio afectará a todas as solicitudes de aprazamentos ou fraccionamentos de pago de débedas xestionadas pola Axencia Tributaria de Galicia. Isto inclúe os tributos propios, as taxas e todos os ingresos de dereito público non tributarios: multas, sancións ou reintegro de subvencións.

 

De maneira complementaria, a Administración central –a través do Ministerio de Hacienda- aprobou tamén esta semana un cambio de características similares para os tributos cedidos, o que permite ampliar este límite tamén aos impostos cedidos que xestiona a Comunidade Autónoma, coma o de Transmisións Patrimoniais, Actos Xurídicos Documentados ou Sucesións e Doazóns.