Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta agarda que os fondos de cohesión no período 2021-2027 permitan mellorar a integración da economía galega en Europa

A Xunta agarda que os fondos de cohesión no período 2021-2027 permitan mellorar a integración da economía galega en Europa

  • O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, inaugurou hoxe o Foro de Economía e Política Rexional
  • Lembrou os efectos positivos desta política na economía galega, o que serviu para avanzar no proceso de converxencia con Europa

 

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2018.- A Xunta agarda que os fondos da política de cohesión para o novo período comunitario 2021-2027 permitan seguir mellorando a integración da economía galega en Europa, co obxectivo de seguir avanzando cara a Galicia máis intelixente, máis verde, máis conectada, máis social e máis próxima á cidadanía.

 

Así o manifestou o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, durante a inauguración hoxe en Santiago do Foro de Economía e Política Rexional. Durante o acto, o titular de Facenda lembrou que Galicia constitúe "un claro exemplo dos efectos positivos da política de cohesión, que nos permitiu reforzar notablemente a integración económica e política da comunidade autónoma e mellorar a gobernanza".

 

Neste sentido, destacou que o efecto positivo dos fondos estruturais en Galicia "é moi notable e perceptible polos cidadáns". En total, ata o período 2014-2020 investíronse máis de 21.000 millóns de euros, unha achega que ten contribuído de forma significativa ao desenvolvemento económico de Galicia nestes últimos 30 anos.

 

De feito, Valeriano Martínez recordou que o PIB per capita de Galicia supoñía o 60% da media comunitaria no momento da adhesión de España a Europa en 1986. "Os últimos datos de 2016 mostran como Galicia recupera o crecemento económico, situándose nun 82% da media comunitaria", incidiu o titular de Facenda.

 

Ademais, o conselleiro recordou que neste momento está sobre a mesa o debate do futuro de Europa, unha cuestión que "ocupa un lugar protagonista na axenda política da Unión Europea", polo que se fai necesario lembrar o papel fundamental que xogou a política de cohesión como ferramenta única para fortalecer o proxecto europeo. "A cohesión é o principal instrumento de solidariedade da Unión Europea", concluíu.