Volver ao contido

Notas de prensa

« Atrás

A Axencia Tributaria de Galicia fixo aflorar 150 millóns de euros de débeda non declarada en 2015 e elevou un 20% o importe obtido polo labor de inspección

A Axencia Tributaria de Galicia fixo aflorar 150 millóns de euros de débeda non declarada en 2015 e elevou un 20% o importe obtido polo labor de inspección

  • En termos homoxéneos, a ATRIGA incrementou nun 14% a cantidade acadada
  • A Xunta revisou o pasado ano case 265.000 autoliquidacións dos principais impostos, un 2% máis que o ano anterior, no que se fixera un plan especial
  • O 88% das autoliquidacións comprobadas pola Administración galega eran correctas e non precisaron modificacións

A Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA) detectou o pasado ano 150,1 millóns de euros de débeda non declarada, como reflicte un informe sobre as actuacións de control deste organismo presentado hoxe no Consello da Xunta polo conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez. En termos homoxéneos isto supón un incremento sobre a cantidade obtida en 2014, e foi posible grazas ao incremento nun 20% do importe obtido a través dos labores de inspección.

O informe pon de manifesto que a ATRIGA realizou no pasado exercicio un total de 264.913 comprobacións de autoliquidacións, un 2% máis que no 2014, pese a que en 2015 non se realizou plan especial de loita contra a fraude fiscal. Estas comprobacións centráronse no eido do Imposto de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados (ITP-AXD) e do Imposto de Sucesións e Doazóns (ISD), xa que ambos impostos concentran a maior parte dos ingresos tributarios xestionados por este organismo da Xunta.

A cantidade obtida en 2015 pola ATRIGA supón un incremento en termos homoxéneos dun 14% -19 millóns de euros máis- sobre a débeda aflorada o ano anterior, dado que en 2014 levouse a cabo un plan especial de loita contra a fraude fiscal que supuxo uns ingresos de máis de 50 millóns.

Das 265.000 comprobacións efectuadas o pasado ano, no 88% dos casos a Administración confirmou que a autoliquidación do imposto presentada polo contribuínte era correcta. No resto dos casos, a ATRIGA practicou unha liquidación para que o contribuínte tribute conforme á legalidade. O número de liquidacións practicadas a raíz dunha comprobación foi de 30.669, unha cantidade inferior á de 2014 porque, precisamente, medrou a porcentaxe de contribuíntes que se adecuaron á normativa vixente.

Máis inspección
Ademais dos 110,8 millóns de euros obtidos a través das actuacións de xestión, a Axencia Tributaria de Galicia obtivo outros 39,3 millóns como consecuencia dos labores de inspección. Isto supón un incremento do 20% en comparación cos 32,8 millóns detectados en 2014 a través dos procedementos de inspección tributaria.

A suma dos 110,8 millóns obtidos polas actuacións de xestión e dos 39,3 millóns dos labores de inspección conforman os 150,1 millóns aflorados pola Axencia Tributaria de Galicia durante o pasado ano.

Aprazamentos e fraccionamentos
No ano 2015, os aprazamentos e fraccionamentos concedidos pola Axencia Tributaria de Galicia ascenderon aos 24,5 millóns, unha cantidade similar á do ano anterior (25,7 millóns). Entre 2009 e 2015 a Xunta concedeu aprazamentos por un importe medio anual de 23,7 millóns de euros, máis do dobre do importe medio concedido entre 2005 e 2008, que foi de 10,1 millóns de euros.

A concesión de aprazamentos e fraccionamentos permite aos contribuíntes afrontar o pagamento das súas débedas tributarias da forma que máis se acomode á súa situación financeira e de tesourería, permitindo ás familias e empresas dispoñer de máis liquidez.

Neste sentido, a Xunta xa aprobou a ampliación de 18.000 a 30.000 euros o límite para que os contribuíntes poidan solicitar o aprazamento ou fraccionamento dun imposto sen ter que presentar garantía na ATRIGA, con independencia de que se atope en período voluntario ou en período executivo de pago. Con esta modificación, que xa está en vigor, os contribuíntes galegos teñen máis facilidades para cumprir coas súas obrigas tributarias, ao tempo que se dota de maior axilidade a xestión destas solicitudes.